CIDADE HISTÓRICA

Novas actuacións no pavimento do Casco Histórico

26/11/2007 A Concellería de Casco Histórico deu conta á Xunta de Goberno dun informe sobre a situación actual do pavimento da zona da améndoa histórica e das medidas adoptadas para a súa recuperación. Co obxecto de solucionar as deficiencias, aprobáronse os proxectos arquitectónicos para distintas intervencións.

Entre os proxectos arquitectónicos elaborados polo Concello e polo Consorcio figura, a executar polo primeiro, a rúa Bautizados e, polo segundo, a praza da Inmaculada, a rúa da Acibechería, a rúa do Vilar, a rúa da Calderería, a rúa da Algalia de Abaixo, a rúa da Troia e a rúa das Campás de San Xoán. Esta é a primeira fase.

Tamén se aprobou a proposta de relación de novas intervencións para unha posterior segunda fase e a elaboración dos correspondentes documentos técnicos por parte do Concello e do Consorcio. Así, o Concello executará unha intervención na repisa superiro da praza das Praterías, e o Consorcio ocuparase das seguintes: rúa da Algalia de Arriaba, praza de Fonseca, rúa do Franco, praza de Fuenterrabía e rúa da Raíña.

Ademais destas actuacións, o Consorcio elaborará un Plan Director dos Pavimentos do Recinto Intramuros da Cidade Histórica. O seu obxectivo é a aplicación dun sistema de control da totalidade das actuacións que afectan ao pavimento, que examine calquera intervención no mesmo, xa sexa por obra ou uso. Entre as metas desexables está, por exemplo, que a totalidade de accións que repercutan no pavimento sexan realizadas por un único axente coa capacitación técnica e garantías necesarias.

A Xunta de Goberno autorizou tamén ao Consorcio a ampliación do ámbito de actuación da Escola Obradoiro de pavimentos á totalidade do ámbito da ordenanza do recinto Intramuros.

Un mantemento artesanal e custoso
O informe sobre o estado do pavimento destaca como causas do seu deterioro, entre outras, o prexuízo causado por vehículos que superan os pesos máximos e pola velocidade de circulación. Tamén se apunta a abondosa circulación na zona durante o tempo que permanecen baixados os bolardos de entrada debido á crecente actividade comercial. Igualmente, cítase a intervención de numerosos operadores no espazo público, que fan que as actuacións duns requiran logo a reparación por parte doutros. Non menos importante, a xuízo dos técnicos municipais, os usos que se están a permitir nas prazas monumentais que rodean a Catedral (camións de gran tonelaxe, grúas, palcos…).

As actuacións deste mantemento da zona intramuros, dado o seu forte carácter artesanal, supoñen un importante custo. Así, segundo información dos técnicos, as cantidades investidas no mantemento dos pavimentos do casco histórico aproxímanse aos 100.000 euros anuais, á marxe de outras actuacións específicas executadas.

Compartir: