DEPORTES

Deporte para todos grazas ás campañas municipais para a temporada 2007/2008

23/11/2007 O concelleiro de Deportes, Andrés Fariña, presentou as Campañas Deportivas de Promoción Municipal para a temporada 2007/2008. Trátase de cinco campañas que permitirán a práctica deportiva das seguintes disciplinas deportivas: fútbol, fútbol sala, baloncesto, atletismo e loita.

A Campaña de Fútbol-7 "Cidade de Santiago" está xa a permitir que uns 600 nenos de entre 8 e 12 anos participen nunha liga a dobre volta organizada pola Delegación Local da Federación Galega de Fútbol. O Concello achega 7.300 euros para esta competición, na que compiten 25 equipos en categoría benxamín e outros 25 en alevín.

O fomento da práctica do fútbol sala vén da man da campaña organizada pola Agrupación de Deportistas Veteranos de outubro a xuño. 1.630 rapaces de 6 a 18 anos, distribuídos en 156 equipos, toman parte nunha competición con torneo ligueiro e de copa. O orzamento municipal para esta campaña é de 11.500 euros.

A Delegación Local da Federación Galega de Baloncesto ocúpase da Campaña do Minibásquet "Memorial Lorenzo de la Torre", que se desenvolverá de decembro a xuño. Están chamados a xogar 630 rapaces entre 8 e 12 anos, repartidos en 42 equipos. O Concello achega 6.000 euros.

No caso do atletismo, este ano celébrase primeira vez as Xornadas de Campo a Través, previstas para o 24 de novembro e para o 1 de decembro. Poden participar atletas de 6 a 15 anos e haberá gañadores individuais e por equipos. As xornadas, que contan cun orzamento de 1.400 euros están dirixidas a centros escolares, clubs e entidades deportivas, sempre e cando teñan formalizado o correspondente seguro escolar.

Finalmente, desenvolverase, de novembro a maio, a Campaña de Promoción Municipal das Loitas Olímpicas. O evento organizarase en torno a catro sesións didácticas impartidas no horario lectivo de Educación Física. Neste primeiro ano o obxectivo é desenvolver a actividade en cando menos sete centros da cidade. Ata cada centro levarase un tapiz oficial de loita olímpica.

Compartir: