ALCALDÍA

O alcalde resalta a vitalidade do tecido industrial como síntoma de fortaleza da cidade

23/11/2007 O principal polo industrial da cidade, o Polígono do Tambre, segue a medrar. Ademais dos novos solos industriais da Costa Vella e de Formarís, que seguirán dando continuidade física a este polígono, novas empresas continúan escollendo Santiago coma punto estratéxico. É o caso de Inturasa, Perez Rumbao, que vén de inaugurar novas instalacións nun acto presidido polo alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo.

No novo complexo, dedicado ao sector de vehículos profesionais, traballarán 30 persoas. Ten unha superficie de 4.500 metros cadrados a supuxo un investimento de 4,5 millóns de euros.

Nesta mesma liña de apoio, Sánchez Bugallo asistiu, no Hotel Puerta del Camino á cea da Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre. Na mesma homenaxeouse aos empresarios José Brea Dono, Pablo Gago Vila e Manuel Caeiro Varela, así como ás empresas que cumpren 25 anos de integración na entidade: Hormigones Miño, Babío e Tambre Piel.

Na súa intervención, o alcalde destacou o dinamismo e vitalidade do tecido empresarial, que apuntou como os principais síntomas da fortaleza dunha cidade. Neste sentido puxo aos empresarios do Tambre como exemplo, con case tres décadas de traballo activo no proceso de transformación de Santiago. En resposta a este pulo, cómpre lembrar que o novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) programa case seis millóns de metros cadrados de solo industrial.

Sánchez Bugallo tivo palabras para os homenaxeados, dos que destacou a súa meritoria carreira empresarial e polo seu labor dentro da Asociación de Empresarios do Tambre. Tamén se lembrou das tres empresas galardoadas e dou seu papel para formar un tecido empresarial fundamental para que Compostela siga avanzando.

Compartir: