MULLER

Os homes, chamados a non ser cómplices da violencia de xénero

23/11/2007 Con motivo da celebración, o domingo 25 de novembro, do Día Internacional da Non Violencia contra as Mulleres, a Concellaría da Muller preparou unha serie de actos para conmemorar esta data. Un deles foi un acto de sensibilización na sede da empresa Castrosúa, na que se invitou aos traballadores da mesma a concienciarse sobre esta lacra.

"Ti es home, outros para sentir que o son necesitan usar a violencia. E ti coñécelos". Así reza un dos lemas das tarxetas que se lle repartiron aos traballadores, coas que se demanda a súa colaboración para erradicar a violencia de xénero. Así o recordou a concelleira da Muller, Mar Martín: "Este é un problema que sofren as mulleres, pero que exercen os homes, e non o imos cambiar sen non implicamos aos homes na súa erradicación".

No mesmo sentido se pronunciou o alcalde, quen recalcou a necesidade "de seguir traballando na protección das mulleres e en seguir concienciando á sociedade". Sánchez Bugallo referiuse aos cambios que implicou a incorporación da muller á vida laboral e económica, pero indicou que o cambio "humano" é moito máis lento, polo que hai que seguir insistindo na sensibilización.

Tamén interviu no acto o presidente de Castrosúa, José Castro, que agradeceu a presenza no acto das distintas institucións representadas. Así, participaron membros das Forzas e Corpos de Seguridade, da Universidade e do Colexio de Avogados, entre outros.

Educando en igualdade

Pouco antes deste acto, celebrouse outro no Centro Sociocultural de Fontiñas, onde se entregaron os premios do VII Concurso "Educando na Convivencia en Igualdade". O gañador foi Daniel Barros López, alumno de 4º de ESO do IES Rosalía de Castro, que recolleu de mans da concelleira da Muller, Mar Martín, un agasallo. Ademais, a súa clase recibirá 600 euros para actividades lúdico-educativas. O seu debuxo era unha caricatura na que se reflexionaba sobre o diálogo entre home e muller.

O segundo premio recaeu en Sara Lago Olveira, tamén de 4º de ESO do IES Rosalía de Castro. O debuxo que presentou reflectía a unha muller tumbada no chan de cuxa longa melea saía unha mensaxe contra a violencia de xénero. Neste caso, o premio complementario é u un lote de libros para o centro do alumno.

Estes galardóns premiaron os mellores debuxos explicativos sobre a violencia de xénero. O certame estaba dirixido a alumnos de segundo ciclo da ESO e do bacharelato, e o lema nesta ocasión era "A miña visión sobre a violencia de xénero".

Cos traballos presentados farase unha publicación. Ademais, farase unha exposición no Centro Sociocultural de Fontiñas do 23 ao 30 de novembro.

Compartir: