ALCALDÍA

Listo o proxecto do paso inferior de Galuresa

23/11/2007 O Ministerio de Fomento comunicou ao Concello a aprobación definitiva do proxecto técnico do paso inferior de Galuresa, segundo anunciou o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo. O orzamento total superará o inicialmente previsto e situarase en 30.262.353 euros.

Sánchez Bugallo prevé que se adxudiquen en breve as obras, co obxectivo de que poidan comezar na primavera de 2008. Na súa opinión, este é un proxecto que se executará en non menos de doce meses.

O incremento do orzamento da obra ten que ver, segundo o alcalde co plan de tráfico plantexado no proxecto, que prevé que as actuacións se realizarán sen necesidade de cortar totalmente a circulación na Galuresa. Deste xeito, sempre estará aberta a circulación cando menos nunha das direccións. Isto fará que a obra se execute con máis lentitude. O incremento do custo tamén responde a melloras en materias de seguridade.

Cómpre lembrar que este novo vieiro subterráneo medirá uns 600 metros de longo e terá unha profundidade duns seis metros. Partirá das inmediacións da Residencia Universitaria Teniente General Barroso e desembocará no vieiro Antonio Fraguas. Disporá de dúas zonas de seguridade para evacuación a cada lado. No interior do túnel haberá dúas beirarrúas a cadanseu sentido. En superficie a rúa terá un tratamento de boulevard.

Esta obra forma parte do convenio asinado no seu día co Ministerio de Fomento, do que queda por executar, ademais do túnel de Galuresa, o terceiro carril do periférico e a duplicación da ponte do Polígono do Tambre. Segundo Bugallo, o custo total das obras previstas no convenio superará finalmente os 50 millóns de euros. Neste compromiso estaban comprendidos tamén o vieiro de conexión entre a Avenida de Lugo e Pontepedriña, xa en marcha, e o cuarto xiro de Cornes, a piques de rematarse.

Compartir: