TURISMO

Última oportunidade para aprender a cociñar cogomelos cos mellores mestres

22/11/2007 O 24 e o 25 de novembro, os afeccionados á gastronomía teñen a última oportunidade de aprender a cociñar cogomelos con "Santiago de Compostela. Repetirá". Miguel Silvarredonda e Jaume García pecharán os obradoiros de cociña sobre este produto que se veñen desenvolvendo durante todo o mes, antes de dar paso ao polbo.

Ambos profesionais realizarán en directo as súas especialidades, explicando o proceso de xeito que cada asistente poda repetir a experiencia na súa casa. Estes obradoiros impártense na Galería Sargadelos e poden participar ata 45 persoas que, por tan só 10 euros, aprenderán durante dúas horas diferentes xeitos de cociñar cogomelos.

O sábado 24 de novembro, Miguel Silvarredonda, profesor da Escola de Hostalería Paseo das Pontes, da Coruña, amosará o seu dominio tanto dos fogóns tradicionais coma dos modernos pratos de deseño preparando. O domingo 25, tempo para aprender da man de Jaume García. Cociñeiro do coñecido Velis Nolis, da Estrada, prepara o desembarco en Compostela da súa cociña de autor, na que se mesturan influencias galegas e catalás.

O programa "Santiago de Compostela. Repetirás" é unha iniciativa da Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, que busca achegar a composteláns e turistas o mellor da cociña galega de temporada. En decembro o polbo toma o relevo dos cogomelos, protagonizando obradoiros gastronómicos da man de expertos cociñeiros coma Xabier Barreiro ou Antonio Botana e excursións sobre o polbo, coa asistencia a unha poxa.

Ademais, ata o día 31 unha selección de máis de 20 restaurantes de Santiago de Compostela continuarán ofrecendo menús e pratos especiais a base de cogomelos, como arroz con codorniz e cogomelos na Curtidoría, revolto de vieiras con setas en Casa Elisa ou sopa de fungos e ameixas de Carril en El Mercadito. Os clientes só teñen que pedir a carta "Santiago de Compostela. Repetirás" nos restaurantes que amosen o distintivo de establecementos colaboradores.

Compartir: