TURISMO

Aeroliñas e xestores de aeroportos debaten as súas estratexias en Santiago

22/11/2007 Compostela acollerá, do 13 ao 14 de decembro, as III Xornadas de Aeroportos Rexionais. O encontro reunirá a xestores de aeroportos e directivos das principais compañías aéreas do país.

O concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou estas xornadas, que queren estimular as relacións entre as aeroliñas, os aeroportos, as rexións e os sectores económicos implicados no tráfico aéreo. Serán un punto de debate sobre cuestións claves coma os retos das compañías no escenario actual, o impacto económico e turístico dos aeroportos rexionais no seu entorno e os posibles modelos de xestión aeroportuaria.

O evento servirá para estimular as relacións entre todos os axentes do transporte aéreo. Por iso, xa teñen confirmada a presenza compañías como Iberia, Air Europa, Air Nostrum, Spanair, Air Berlín, Transavia, Clickair, Ryanair ou Vueling. Os seus representantes terán a ocasión de entrevistarse cos representantes dos gobernos locais, padroados, consorcios e empresas privadas asistentes.

Sobre a repercusión das xornadas falou o director de Transporte Aéreo da Deputación de Girona, Salvador Montserrat, ao referirse ao impacto económico dos aeroportos e ao actual debate sobre o modelo de xestión dos mesmos. Neste sentido, falou da postura catalá de reclamar a xestión das súas terminais.

Esta cuestión tamén foi aludida polo director xeral de Turismo, Rubén Lois, ao demandar criterios de "proximidade" para converter en centrais aeroportos que dende o punto de vista do Estado son considerados periféricos. Tamén se pronunciou Xosé Manuel Iglesias, que indicou que Galicia estaría preparada para asumir unha posición na xestión dos seus aeroportos.

O concelleiro de Turismo aproveitou a rolda de prensa para defender "o papel de referencia" do aeroporto compostelán en Galicia por "un sentido de eficacia". "Nos queremos seguir medrando por os, non a costa de ninguén nin contra ninguén", engadiu, despois de lembrar a posición privilexiada do aeródromo da capital de Galicia por instalacións, situación xeográfica e posibilidades.

Tres paneis
As xornadas funcionarán en torno a tres paneis: "Retos das compañías aéreas nun escenario de cambios", "Análise dos posibles modelos de xestión aeroportuaria" e "Impacto económico e turístico dos aeroportos rexionais no seu contorno".

O primeiro contrastará a estratexia de negocio das compañías aéreas tradicionais coa do low cost. O segundo foro levara a debate as formas de xestión aeroportuaria cunha mesa de directores e conselleiros de transporte de varios gobernos autonómicos –Galicia, Cataluña, País Vasco, Canarias e Cantabria- e unha mesa de operadores aéreos, ambas coordenadas polo presidente da Asociación Española de Compañías Aéreas. Finalmente, o terceiro panel versará sobre o impacto dos aeroportos nas súas rexións. Contará coas intervencións do director de Turespaña, Félix Larrosa; do director xeral de Turismo, Rubén Lois; e dos xerentes de Turismo de Santiago de da Coruña, Iñaki Gaztelumendi e Moisés Naranjo.

O evento será inaugurado o xoves 13 de decembro no Hostal dos Reis Católicos polo alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, e Xosé Manuel Iglesias, concelleiro compostelán de Turismo; Enric Vilert, presidente da Deputación de Girona; Fernando Blanco, conselleiro de Innovación e Industria; Javier del Olmo, conselleiro do Goberno cántabro; e Pablo Villamar, vicepresidente da Deputación da Coruña.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: