CULTURA

José Luis Guerín: homenaxe en Cineuropa a un cineasta diferente

21/11/2007 Cineuropa entrega o segundo dos seus premios desta edición a un cineasta cunha traxectoria curta como director, pero moi particular e apreciada pola crítica e por algúns sectores do público. Vello coñecido do festival compostelán, José Luis Guerín trae da man a súa nova película, En la ciudad de Sylvia, que se proxectou na gala de entrega do premio.

De José Luis Guerín, o concelleiro de Cultura, Néstor Rego, destacou a súa "significativa" carreira, a pesar de ter só dirixido cinco filmes. Neses mesmos termos se pronunciou o director do festival, José Luis Losa, que o definiu como unha "personalidade peculiar no panorama do cine español". Sobre o seu cine destacou o seu "pulso entre a ficción e a realidade documental" e a súa capacidade para captar "a fugacidade da secuencia".

O homenaxeado aproveitou a súa presenza en Santiago para gabar a "ecléctica e atractiva" programación de Cineuropa, que permite ver filmes de cinematografías que non atopan oco habitualmente nas pantallas dos cines. Sobre o cine, Guerín di que é o seu alfabeto, e as imaxes a súa maneira natural de relacionarse co mundo.

O Premio Cineuropa recoñece, en definitiva, a traxectoria deste guionista e director catalán que tamén foi profesor de Estudos de Comunicación Audiovisual da Universitat Pompeu Fabra. Actualmente é parte do equipo docente do Master en Documental de Creación que se imparte no Institut d’Educació Continua da mesma universidade

En 1999 foi galardoado co Premi Nacional de Cinema concedido pola Generalitat de Catalunya, e no 2001 gañou o Premio Nacional de Cinematografía concedido polo Ministerio de Cultura.

En la ciudad de Sylvia
A nova película de José Luis Guerín chega ás pantallas case seis anos despois do seu último traballo, o documental En construcción, que tamén pasara por Cineuropa cunha gran acollida. Protagonizado por Pilar López de Ayala e Xavier Laffite, o filme segue a liña exploratoria do autor para recrear a mirada de alguén que busca a un antigo amor, unha muller idealizada, coa cidade francesa de Estrasburgo como marco.

O Premio Cineuropa foille entregado a Guerín pola conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, nunha gala conducida pola actriz galega Mabel Rivera. A continuación, proxección do filme.

Compartir: