PROMOCIÓN ECONÓMICA

Promoción Económica atendeu 600 consultas durante o Foro do Emprego

20/11/2007 O persoal da oficina de Promoción Económica e Emprego atendeu, durante a celebración do I Foro de Emprego da USC, 600 consultas, ás que se lle repartiu un formulario para que se inscribisen na Bolsa de Emprego coa que conta a Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo. 98 persoas entregaron o formulario cuberto.

A Bolsa de Emprego concíbese coma un espazo integrador das distintas políticas activas e actuacións municipais dirixidas a facilitar a inserción laboral das persoas demandantes de emprego, así coma a intermediación laboral cas empresas. Enténdese coma outra vía de entrada ao mundo laboral: unha forma de relación entre os demandantes e os oferentes mediante a intervención dos titores de inserción.

Segundo a memoria da Bolsa de Emprego da Concellaría de Promoción Económica correspondente a 2006, no devandito ano anotáronse 566 persoas. Delas, 396 (o 70%) eran mulleres e 170 homes. As previsións baralladas polo departamento apuntan a que este ano o servizo dará asistencia e cobertura técnica a preto de 1.500 persoas da comarca de Santiago, aproximadamente o 15% da poboación desempregada.

Foro de Emprego
O I Foro de Emprego da USC, organizado polo Servizo de Apoio ao Emprendemento e ao Emprego (SAEE) da Vicerreitoría de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, celebrouse o 14 e 15 de novembro. Nas xornadas colaboraron distintas entidades vinculadas ao mundo laboral, como a Consellería de Traballo, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo e o Consello Social da USC.

O foro, no que se inscribiron unhas 700 persoas e participaron 30 empresas, tivo como obxectivo facilitar a inserción laboral dos titulados e a súa promoción no mercado laboral. O evento dirixíase a empresas, organismos públicos, estudantes e novos titulados.

Compartir: