EDUCACIÓN E MEDIO AMBIENTE

O Concello promove un curso máis a sensibilización medioambiental entre os máis novos

20/11/2007 Por sexto curso consecutivo, as concellarías de Educación e de Medio Ambiente, coa colaboración de ADEGA, poñen en marcha a Campaña de Educación Ambiental. O seu obxectivo é promover a sensibilidade da poboación escolar ante os problemas medio ambientais.

As concelleiras dos dous departamentos, Guadalupe Rodríguez e Elvira Cienfuegos, presentaron a nova edición do programa, concibido coma un conxunto de subprogramas e actividades a desenvolver en colaboración cos centros de ensino. Preténdese así achegar á comunidade educativa cuestións ambientais tan próximas como a auga, os residuos ou a biodiversidade, e fomentar a responsabilidade fronte a estes temas na busca de solucións respectuosas co medio.

Da metodoloxía da campaña falou Ramsés Pérez, de ADEGA, quen destacou que contén un programa xeral de educación ambiental e outro específico sobre a auga e os ríos, aproveitando a relación de Compostela co Sar e co Sarela.

No caso do programa xeral, realizaranse charlas-debate, obradoiros e visitas guiadas tendo como referencia temas como os residuos, o consumo moderado, a biodiversidade, as cidades sustentables, o cambio climático, a transformación do medio rural e incendios forestais, os saberes autóctonos ou a paz e a seguridade humana.

Os contidos relativos á auga abordarán cuestións como a auga como recurso ambiental e social ou a contaminación. Entregarase material específico e programáronse saídas á depuradora, á planta potabilizadora, ao Proxecto Ríos e mesmo un roteiro pola ribeira dun río.

Compartir: