ALCALDÍA

O alcalde participa en Xixón na Asemblea Xeral das Rexións do Arco Atlántico

19/11/2007 Sánchez Bugallo, en calidade de Presidente da Conferencia de Cidades do Arco Atlántico (CCAA) foi convidado a participar mañá en Xixón na Asemblea Xeral da Comisión Arco Atlántico da Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas (CRPM). A intervención de Bugallo terá lugar na Sala Asturias da Feira Internacional de Mostras de Asturias a partir das 10:00 horas do martes 20, dentro dun debate no que se falará de como utilizar os instrumentos de cohesión europeos para incrementar a capacidade innovadora das Rexións atlánticas.

Como presidente da CCAA, Sánchez Bugallo baseará a súa intervención na necesidade de aproveitar o momento actual que se dá en Europa para impulsar diversos programas que poden favorecer o desenvolvemento das cidades atlánticas a través da colaboración coas rexións desta mesma área.

Hai que lembrar que nos atopamos ante un momento clave en canto aos temas de política europea xa que, por un lado, tras dous anos de parálise e incertidume, o último Consello Europeo celebrado en Lisboa parece ter desbloqueado a reforma dos Tratados; e, por outro lado están comezando a poñerse en marcha os distintos programas europeos rexionais, o que fai que poida xurdir unha colaboración máis estreita e efectiva entre as cidades e as rexións inscritas arredor do espazo atlántico.

Coa firma da Axenda Territorial polos ministros responsables do Ordenamento do territorio no mes de maio, aparece a oportunidade de desenvolver actuacións conxuntas. Este novo escenario europeo recibirá un novo impulso coa firma definitiva do Tratado de Lisboa o 13 de decembro, no que se plantexa un espazo no que as rexións e as cidades poderán traballar unidas para encontrar e implementar solucións efectivas a problemas comúns como a mobilidade e o transporte, o medio ambiente, o desenvolvemento urbano e o patrimonio.

Compartir: