PROMOCIÓN ECONÓMICA

Nace unha nova empresa no marco de Equal Compostela Social

19/11/2007 O 14 de novembro abriu as súas portas a empresa número 57 constituída no marco do Proxecto Equal Compostela Social, impulsado pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo. Trátase de O gatoverde, ubicada na Rúa Castaños, número 6, porta 21. É unha empresa de ilustración, deseño e distribución ao por maior de diferentes produtos para a súa venda en tendas de agasallos. Destaca a creatividade e impacto dos seus deseños nos que priman a calidade e as últimas tendencias en moda.

A empresa O gatoverde, promovida pola técnica superior de Ilustración Anabella Vázquez, acadou o terceiro premio no concurso de Novas Ideas Empresariais promovidas por titulados en FP do programa Compostela Activa 2007. O obxectivo do certame, ao que se presentaron 52 solicitudes procedentes de 27 proxectos empresariais, é estimular e apoiar a persoas que teñen unha idea de negocio, facilitándolles a súa posta en marcha. Nesta edición contou cun orzamento de 36.000 euros e dividiuse en tres modalidades: Novas ideas empresariais edición xeral, Novas ideas empresariais promovidas por mulleres e Novas ideas Empresariais promovidas por tituladas/os en Formación Profesional.

Dende a súa creación, en novembro do 2005, a través de Equal Compostela Social constituíronse 57 empresas. 38 foron promovidas por mulleres e 19 por homes. Estas 57 empresas dan traballo a 121 persoas, 60 mulleres e 61 homes; aos que hai que sumar outros 11 empregos creados para o desenvolvemento do proxecto.

O Proxecto Equal Compostela Social ten como finalidade fomentar o espírito empresarial e a creación de empresas por parte daqueles colectivos de persoas da comarca de Santiago que presentan maiores dificultades para acceder ao mercado laboral e que teñen vocación emprendedora. No programa participan principalmente mulleres, persoas maiores de 45 anos, mozas e mozos sen cualificación, desempregados de longa duración, inmigrantes e emigrantes retornados. Equal Compostela Social axúdaos a desenvolverse profesionalmente desde o punto de vista do autoemprego.

Compartir: