TURISMO

124 empresas compostelás recibirán a certificación de calidade turística

19/11/2007 O Sistema Integral de Calidade Turística en Destino (SICTED) outorgará este ano 2007 en Santiago de Compostela máis distintivos de calidade que en ningún outro ano, segundo informou a Mesa de Calidade Turística, presidida polo concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias. Este sistema nacional de calidade turística está avalado pola Secretaría Xeral de Turismo e pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).

A Mesa compostelá aprobou o luns 19 de novembro os informes de auditoría de 124 empresas e profesionais da cidade que decidiron adherirse voluntariamente ao SICTED e obter o seu distintivo, cumprindo numerosos requirimentos en materia de organización, persoal, instalacións e equipamentos, comercialización, satisfacción do cliente, xestión medioambiental e riscos laborais, entre outros.

O listado de empresas que recibirán proximamente a súa certificación inclúe a 42 comercios, 13 guías turísticos, 18 hoteis, 27 taxis, 7 restaurantes, 5 axencias de viaxe, 3 casas rurais, 2 museos, 2 organizadores de congresos, 1 bar, 1 complexo de saúde, a asociación Compostela Monumental, o Santiago de Compostela Convention Bureau e a Oficina de Turismo de Santiago.

2008: máis restaurantes, comercios e transportes
A xuntanza da Mesa de Calidade Turística convocou a vocais de todos os sectores activos do turismo compostelán, como a Cámara de Comercio, a Asociación de Hostalería de Santiago, a área de Calidade de Turgalicia, a Asociación de Axencias de Viaxe Españolas de Galicia, Compostela Monumental, Acotés, o Santiago de Compostela Convention Bureau e a Asociación Compostelá de Taxis, que analizaron a evolución do SICTED no 2007 e revisaron os informes de avaliación externa das empresas.

A Mesa presentou ademais os obxectivos do SICTED para 2008, que inclúen aumentar a captación dos comerciantes de fóra do casco histórico; aumentar a participación de restaurantes, bares e cafetarías; implantar o SICTED en servizos de seguridade e transporte turístico, e seguir o traballo coas empresas xa certificadas, que deben renovar anualmente os seus distintivos.

Compartir: