SEGURIDADE CIDADÁ

A actuación policial e xudicial ante a violencia de xénero, obxecto dun curso dirixido á Policía Local

19/11/2007 A Policía Local asiste do 19 ao 23 de novembro a un curso sobre violencia de xénero. No mesmo analizaranse as últimas novidades que afectan a esta materia tanto no ámbito da actuación policial e da atención á vítima como da coordinación coas autoridades xudiciais. As sesións, organizadas pola Concellería de Mobilidade e Seguridade Cidadá, desenvólvense en horario de 16:30 a 20:30 horas en distintos locais da cidade.

Máis de 70 policías locais participarán nestas xornadas, que comezarán na tarde do luns 19 co relatorio de Joaquín Colubi Mier, maxistrado do Xulgado de Instrución nº 3 de Santiago. A sesión será no Centro Sociocultural do Ensanche e versará sobre a "Actuación policial na instrución en procesos por violencia de xénero".

Na xornada do martes 20, na sede da EGAP en Fontiñas, intervirá Santiago Brage Cendán, profesor e doutor en Dereito Penal da Universidade de Santiago, que comentará outros aspectos penais desta materia. Ao día seguinte, vez para a profesora titular de Dereito Procesal da USC Raquel Castillejo Manzanares, que falará sobre a coordinación entre as autoridades xudiciais e o Ministerio Fiscal coas Forzas de Seguridade, así como dos protocolos de actuación. Será no Centro Sociocultural de Fontiñas.

No mesmo lugar, o 22 de novembro, estarán as fiscais Pilar Fernández Pérez e Arantxa San José González, que impartirán un relatorio sobre "Ministerio Fiscal na loita contra a violencia de xénero e medidas de protección en relación coas vítimas. A orde de protección".

A última xornada, o venres 23 e no Centro Sociocultural do Ensanche, servirá para expoñer e analizar algúns casos prácticos. Encargarse desta tarefa profesora Raquel Castillejo. A continuación, a concelleira de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Marta Álvarez-Santullano, clausurará o curso.

Estes cursos únense aos actos programados polo Concello de Santiago con motivo da celebración, o domingo 25 de novembro, do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. A Concellería de Benestar Social presentará en breve o calendario de actividades previstas.

Compartir: