EDUCACIÓN E BENESTAR SOCIAL

O Concello compromete aos escolares na integración da poboación inmigrante

19/11/2007 Dúas novas campañas educativas permitirán a alumnos de primaria e de secundaria traballar sobre os estereotipos que rodean á poboación inmigrante e contribuír así á súa integración. "En cada rostro igualdade" e "Xunt@s" son os títulos destas dúas iniciativas, promovidas polas concellarías de Educación e de Benestar Social e polo Foro de Inmigración.

"Xunt@s" está dirixido a rapaces de 3º e 4º de Primaria. O obxectivo é evitar a aparición de actitudes prexuizosas e discriminatorias, apostando pola cooperación e o intercambio entre os alumnos autóctonos e inmigrantes. A iniciativa pretende sensibilizar aos escolares sobre a realidade do colectivo inmigrante, promover unha reflexión crítica sobre os estereotipos que o rodean e trazar pontes entre a experiencia emigratoria galega e a inmigrante.

O programa desenvolverase en dúas sesións. Na primeira, a base de xogos, os alumnos tomarán conciencia do uso das palabras e de cómo estas determinan estereotipos. Ademais, cada un entrevistará a unha persoa que teña emigrado segundo un guión. Na segunda sesión compartiranse experiencias e traballarase sobre as causas da inmigración e as súas dificultades. Finalmente, unha última sesión, co apoio dun conta-contos, concluirá coa elaboración dun cartel común no que se recollerán as achegas de cada un. Haberá unha sorpresa final para cada neno ou nena.

Pola súa parte, "En cada rostro igualdade" quere favorecer a integración do colectivo inmigrante e a convivencia. Achegará a alumnos de 3º e 4º de ESO a o fenómeno da inmigración, para conseguir a implicación afectiva e de actitudes na convivencia e na construción dunha sociedade integradora e intercultural.

A iniciativa contará con dúas sesións. Na primeira, a partir de imaxes, haberá unha reflexión sobre os estereotipos e a súa implicación. Despois dun debate entre os grupos, proxectarase a curtametraxe de ficción "Amigo no gima". Partindo deste, continuarase o debate na segunda sesión, na que os alumnos tomarán postura ante o visto. Para finalizar, os rapaces expresarán todo o vivido nun obradoiro creativo.

Compartir: