DÍA MUNDIAL EN RECORDO DAS VÍTIMAS DA VIOLENCIA VIARIA

Touriño e Bugallo chaman pola responsabilidade e o compromiso social para atallar a sinistralidade viaria

17/11/2007 O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, presidiu esta mañá na praza do Toral o acto conmemorativo do Día mundial en recordo das vítimas da violencia viaria, organizado pola asociación Stop Accidentes, xunto ao alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo. No mesmo acto, os máis novos poideron disfrutar do obradoiro de manualidades que configuraron o "Panel en recordo das Vítimas".

Despois da actuación da Banda Municipal de Música, a presidenta de Stop Accidentes, Jeanne Piccard, deu lectura a un manifesto tras o cal se gardou un minuto de silencio en recordo de todas as vítimas da violencia viaria.

De seguido, o alcalde de Santiago fixo un chamamento á "esperanza" xa que no último ano "por primeira vez logrouse diminuír os accidentes de tráfico". Así mesmo, lembrou que "os máis novos, que serán condutores o día de mañá, non deben contemplar os accidentes con resignación, senón que deben ser conscientes de que é o resultado dunha responsabilidade non exercida".

Bugallo fixo fincapé en que "cando un toma o volante exerce unha responsabilidade para con el mesmo, os ocupantes do vehículo e o resto da sociedade", ao tempo que agradeceu o traballo que están a realizar en materia de seguridade e educación viaria a Asociación Stop Accidentes, pedagogos e formadores e forzas de seguridade, entre outros axentes.

Pola súa banda, Emilio Pérez Touriño avogou por lograr un "pacto social", unha actitude de "conciencia e compromiso" para facerlle fronte ao problema da sinistralidade viaria, adoptando cada un dos cidadáns unha actitude "persoal, individual e de responsabilidade intransferible" posto que "todos somos vítimas e responsables".

Na súa intervención, o máximo mandatario galego remarcou que é necesario "dar ese paso de concienciación colectiva, de cambiar pautas de comportamento e actitudes", empezando pola familia, e seguindo coa educación e a formación sabendo, asegurou "que cando saímos a unha estrada somos responsables dun mesmo, da familia á que pertencemos e de todas as demais". Por iso, aseverou, "temos que ter unha clara actitude de compromiso e de respecto e de conciencia" porque só así "poderemos aspirar a cambiar as cifras de accidentalidade viaria" que, indicou, "son inasumibles".

Compartir: