TURISMO

O VI Festival Internacional de Salsa "Salsorro 2007" congregará en Santiago a máis de 2.000 persoas

15/11/2007 Os campións do mundo de 2006 e 2007 estarán entre os invitados deste evento internacional, que reúne a máis de 20 conpañías de estilos tan variados como a salsa cubana, salsa cabaret, On1, On2, zouk, bachata, kizomba, rumba ou chachachá. O VI Congreso Internacional de Salsa ‘Salsorro 2007’ congregará en Santiago de Compostela do 16 ao 18 de novembro a máis de 2.000 participantes procedentes de 15 países.

A cita, que cada ano atrae a máis seguidores dos ritmos latinos, reunirá a unha vintena de compañías de baile de gran prestixio procedentes de Europa e América para impartir clases e ofrecer os seus últimos espectáculos durante tres días no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia.

‘Salsorro 2007’, que conta co apoio da Concellaría de Promoción Económica e Turismo, a través do Santiago de Compostela Convention Bureau, e da Dirección Xeral de Turismo, ofrece este ano doce horas de talleres de cada un dos seus tres niveis (iniciación, intermedio e avanzado), unha decena de máster classes e diversos seminarios para profesionais.

Ademais, ‘Salsorro’ consigue reunir ao elenco de bailaríns máis completo da súa historia, consolidándoo como un dos eventos máis importantes de Europa xunto ao UK Congress, o Congreso de Zurich e o Simposium de Madrid.

Entre os invitados destacan os campións do mundo 2007, Adrián e Anita, populares pola súa participación no programa de TVE ‘Mira quién baila’, así como os australianos Oliver e Luda, campións do mundo 2006, e Kelvin e Licelott, gañadores dos World Salsa Championships de As Vegas en 2006.

Compañías da soa de Tropical Gem (Milán), Johnny Vázquez y su Imperio Azteca (Os Ánxeles), Adolfo e Melissa (Nova York), Hacha y Machete (Boston), Lori Ana (Nova York), Maykel Fonts e Kirenia (Milán), Nuno e Vanda (Lisboa), Sabor a Fuego (Sevilla), etc. completan un cartel de luxo ao alcance de moi poucos eventos.

Por si fose pouco, os asistentes poderán disfrutar dos maxistrais Tito e Tamara, profesores da Universidade da Salsa de Porto Rico e colaboradores de películas como ‘Dirty Dancing’ e ‘O Cantante’, de Jennifer López e Marc Anthony.

A organización considera que tras cinco anos de constante evolución no mundo da salsa internacional, chega o momento de dar a coñecer o evento ao público en xeral, ao que anima tanto a disfrutar dos espectáculos, como a dar os seus primeiros pasos nas clases que ofrecen.

Ademais, bailar salsa é unha actividade recomendábel porque ofrece á xente nova e maior unha alternativa de lecer sano, a oportunidade de facer exercicio de forma divertida e incrementar o círculo de amigos, o que fai que proliferen as academias de baile en toda España.

Compartir: