MEDIO AMBIENTE

O Concello de Santiago apoia a iniciativa do movemento ecoloxista "Fronte ao cambio climático: actúa xa" que consistirá nun apagón de 20.00 a 20.05

15/11/2007 O Concello súmase á iniciativa dun apagón hoxe das 20.00 ás 20.05 h baixo o lema "Fronte ao cambio climático: actúa xa". Esta iniciativa parte de varias asociacións ecoloxistas como Greenpeace, Amigos da Terra, ADEGA ou Ecoloxistas en Acción, entre outras, con motivo da presentación do Informe Científico da ONU sobre o cambio climático.

A convocatoria é aberta e consiste na desconexión do consumo eléctrico en vivendas, centros de traballo, instalacións e equipamentos públicos neses 5 minutos, unha acción en favor do planeta. Así, a concellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel chama á cidadanía compostelá a que secunde este apagón para poñer de manifesto a súa vontade de contribuír, cada quen dentro das súas posibilidades, a frear o cambio climático.

Elvira Cienfuegos destaca, en primeiro lugar a importancia do uso eficiente da enerxía lembrando que a enerxía máis respectuosa co medio é a que non se consume e, na que se use, apostar polo emprego de enerxías renovábeis e do gas natural dentro das enerxías fósiles.

O Concello quere dar mostras de estar sensibilizado ante este problema e chamar a atención sobre a necesidade de diminuir o gasto de enerxía polo que das 20.00 ás 20.05 h de hoxe, de xeito simbólico, apagaranse as luces da Casa do Concello e a iluminación das rúas da Cidade Histórica, do barrio das Fontiñas e de boa parte do Ensanche.

Compartir: