URBANISMO

Compostela continúa o seu traballo de asesoramento turístico e arquitectónico en QuFu

14/11/2007 A concelleira delegada de Urbanismo e Vivenda, Mercedes Rosón, o arquitecto do Consorcio de Santiago, Ángel Panero, e Iñaki Gaztelumendi, xerente de Turismo de Santiago, viaxan hoxe a China para supervisar o avance das propostas compostelás para a reordenación turística e patrimonial de Qu Fu. A delegación supervisarán o avance dos plans de desenvolvemento turístico e de recuperación urbana da Cidade Ming e participará no encontro trilateral ‘Protección e posta en valor da cidade histórica de QuFu’.

Ambas iniciativas de factura compostelá inscríbense no programa europeo Asia Urbs Heritage, que emprendeu actuacións para a rehabilitación e preservación do casco histórico de Qu Fu, Cidade Patrimonio da Humanidade, así como para a súa promoción turística, en momentos en que se aproxima a celebración dos Xogos Olímpicos de Beijing de 2008. Os plans están sendo desenvoltos por Santiago de Compostela e Rennes desde 2005.

De acordo con Gaztelumendi, a importancia deste traballo non radica só en trasladar a experiencia de Compostela en conservación e turismo a esta cidade histórica, senón tamén en seguir consolidando no mercado chinés a positiva imaxe turística de Santiago, tras lograr que fora declarado ‘destino de viaxe autorizado’ polo goberno do país.

Programa en QuFu, Shanghai e Tongji
Rosón, Panero e Gaztelumendi participarán en QuFu no encontro trilateral ‘Protección e posta en valor da cidade histórica de QuFu’, que reunirá o 17 de novembro aos expertos de Compostela, Francia e China implicados no proxecto europeo.

No encontro revisarán os resultados destes tres anos de cooperación Europa-Asia e participarán nas mesas redondas sobre ‘Protección do patrimonio’, ‘Conservación e promoción turística’ e ‘Métodos e contuinidade da cooperación’.

Previamente visitarán o templo de Confucio e manterán xuntanzas de traballo co Instituto de Patrimonio de Beijing e o Comité Internacional do Proxecto Asia Urbs. A viaxe finalizará o martes 21 tralas reunións co Consulado de España en Shanghai e coa Universidade de Tongji.

Compartir: