PROMOCIÓN ECONÓMICA

O 19 de novembro celébrase en Santiago unha xornada de iniciación en Internet para PEMES

14/11/2007 A entidade pública empresarial Red.es dependente do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, en colaboración coa Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo e coa Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre desenvolverá o 19 de novembro unha xornada de formación para pemes en Santiago, coa finalidade de facilitar a súa incorporación á sociedade da información. A iniciativa enmárcase no Programa NEW (Ningunha Empresa sen Web) do Plan Avanza. Ten como obxectivo axudar aos pequenos empresarios locais, mediante obradoiros prácticos e axudas públicas, a posicionar o seu negocio en Internet e contribuir así a soster e mellorar a súa competitividade no novo entorno dixital.

O programa NEW está dirixido a todas as empresas con menos de 250 empregados e a empresarias/os autónomas/os. As sesións divulgativas, que se desenvolven en 60 cidades do Estado Español entre setembro e decembro, están plantexadas dun xeito práctico e participativo. Un grupo de expertos asesorará ás persoas que asistan sobre as vantaxas para o seu negocio dun bo posicionamente en Internet e explicaralles, de xeito persoalizado, as mellores opcións para dispor dunha páxina web propia.

O Programa Ningunha Empresa sen Web permitirá as pemes que o desexen adquirir a súa propia páxina web desde 65 euros ano ano. Deste xeito terán o seu negocio aberto as 24 horas do día durante todo o ano, polo que terán opción de chegar a novos clientes e mellorar a súa competitividade.

Compartir: