RESTAURACIÓN

Profesionais da restauración do patrimonio histórico queren que Santiago sexa a sede dun centro de referencia neste campo a nivel europeo

13/11/2007 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu esta mañá a representantes de diversas entidades europeas relacionadas coa formación en restauración e rehabilitación de edificios, entre eles a directivos da Fundación Laboral de la Contrucción, que lle manifestaron ao rexedor a intención de que Santiago sexa a sede dun centro de referencia para a formación de profesionais a nivel europeo. Sánchez Bugallo trasladoulles a intención do Concello de colaborar no necesario para poñer en marcha o proxecto.

O Consorcio de Santiago de Compostela, a Scuola Professionale Edile de Florencia, a Federation Compagnonnique des métiers du batiment, o Instituto Gaudí de la Construcción e a Fundación Laboral de la Construcción reúnense estes días na nosa cidade para coñecer e poñer en común as prácticas para a formación en restauración e rehabilitación de edificios. A intención é obter información de cara ao deseño do centro que se planea desenvolver en Santiago.

Ademais, estas entidades pretenden presentar ao resto dos centros europeos especializados en formación para a restauración e rehabilitación de edificios o proxecto dun centro nacional de referencia para a formación neste eido. Por último, queren marcar liñas de colaboración entre o centro de Santiago e o resto dos centros europeos.

Compartir: