EDUCACIÓN

Os escolares composteláns poden participar ata o vindeiro 26 de novembro no concurso de carteis para o Nadal 2007

13/11/2007 Como cada ano cando se achegan as datas do Nadal, o Concello de Santiago organiza o concurso de carteis no que están chamados a participar todos os escolares de educación infantil e primaria do municipio. Os gañadores, ademais dunha contía económica, poderán ver os seus debuxos ilustrando o programa das actividades que o Concello pon en marcha nesta época, como anunciou en rolda de prensa a concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez.

Cada centro de ensino ou colectivo que traballe con estes grupos de idade poderá enviar ata o 26 de novembro o número de traballos que considere oportunos, coa única limitación dun cartel por neno/a. As medidas non deberán exceder dos 50x40 como mínimo e dos 70x40 como máximo. Cada cartel deberá incluír na parte posterior os seguintes datos: nome e apelidos do alumno, curso e idade, centro onde estuda e o seu teléfono particular.

Os traballos presentados non poderán incluír elementos e materiais que sobresaian do debuxo, como por exemplo: palillos, algodón, purpurina, papel pegado, etc, pola dificultade de reproducir un cartel con estes engadidos e pola inevitable degradación que sofren estes materiais nos traslados.

De todos os traballos presentados, un xurado, formado por seis escolares, tres persoas do Concello de Santiago e un profesional do deseño, elixirá os tres carteis gañadores, dándose a coñecer o nome dos seus autores o 4 de decembro. O día 20 farase a entrega de premios nun acto público que terá lugar no Pazo de Raxoi.

A contía económica do concurso ascende a 960 euros dos que 360 recaen no primeiro premio. 240 serán para o autor do debuxo e 120 para o centro no que estude. O segundo cartel recibirá 240 euros divididos en 150 e 90 para alumno e centro, respectivamente. O terceiro premio acada 180 euros: 120 para o neno ou nena e 60 para o colexio. Esta última cantidade será a que reciban os tres accésit.

O concurso de carteis e do programa de Nadal conta cunha gran acollida entre os centros escolares de Santiago. O ano pasado participaron un total de 31 colexios que en conxunto enviaron 2.326 carteis.

Compartir: