PROMOCIÓN ECONÓMICA

Promoción Económica imparte de xeito gratuíto catro cursos de formación para o emprendemento

12/11/2007 Mañá, 13 de novembro, remata Xestión Tributaria, o primeiro dos catro Cursos de Formación para o Emprendemento impartidos pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo de xeito gratuíto, no marco do programa Compostela Activa 2007. A través desta acción formativa as/os alumnas/os puideron coñecer as obrigas fiscais ás que debe facer fronte a/o pequena/o empresaria/o.

O segundo curso de formación para o emprendemento que se impartirá será Marketing e PEMES, entre o 14 e o 20 de novembro. O seu obxectivo é formar ás/aos participantes nas técnicas, coñecementos, obxectivos e finalidades do marketing empresarial. A continuación desenvolverase Axudas Públicas, entre o 21 e o 27 de novembro, coa finalidade de proporcionar á/ao alumna/o información sobre axudas e subvencións públicas e capacitalo para elaborar expedientes de solicitude. Entre o 28 de novembro e o 4 de decembro terá lugar a última das accións formativas: Contabilidade. O obxectivo deste curso é dotar ás/aos asistentes dos coñecementos teóricos e prácticos suficientes e das habilidades necesarias para entender a contabilidade financieira dunha empresa e coñecer as obrigas ás que está suxeita.

No curso de Marketing e PEMES quedan cinco prazas por cubrir, no de Axudas Públicas sete, e no de Contabilidade outras cinco vacantes. Estas accións formativas están dirixidas a persoas que teñan posto en marcha unha iniciativa empresarial no ano 2007 no Concello ou a usuarios/as dun servizo público de apoio ao emprendemento ubicado en Compostela.

As/os interesadas/os en asistir poden inscribirse cubrindo os formularios que se atopan na Oficina de Atención ao Cidadán e na web da Concellaría de Promoción Económica www.maiscompostela.org, no microsite de Compostela Activa, no apartado de Formación. Nesta páxina tamén está colgada toda a información relativa ás catro actividades formativas: calendario, horarios e programas das materias impartidas. Unha vez cuberta a inscrición, hai que presentala no Rexistro Xeral do Concello, acompañada da copia compulsada da documentación que acredite o feito de ter posto en marcha unha iniciativa empresarial no 2007 ou a certificación que acredite ser usuario dun servizo público de apoio ao emprendemento emitida pola entidade correspondente. O sistema de selección realízase tendo en conta a orde de entrada en rexistro.

Os cursos impártense en horario compatible coa xornada laboral, de oito da tarde a dez da noite, para facilitar a asistencia das persoas interesadas sen interferir nos seus traballos. Todos eles teñen unha duración de dez horas, nas que se amosa o fundamental de cada materia seguindo unha metodoloxía de carácter práctico.

Compartir: