XUNTA DE GOBERNO LOCAL

A Xunta de Goberno aproba axudas para a rehabilitación de vivendas no Casco Histórico por valor de 62.000 euros

12/11/2007 O goberno municipal deu o visto bo, na sesión da Xunta de Goberno do luns 12 de novembro, á concesión de axudas para a rehabilitación de seis vivendas e un local comercial no Casco Histórico. Foi un dos puntos máis relevantes dunha xuntanza na que tamén se acordou poñer a disposición da Xunta de Galicia unha parcela en Pontepedriña na que se construirá un centro de ensino de primaria.

Preto de 9.000 euros recibirán dúas vivendas da zona vella compostelá, situadas na Rúa Nova e na avenida de Figueroa, para a rehabilitación de elementos especiais de madeira despois de que a Xunta de Goberno Local aprobase inicialmente a proposta, que será remitida á Comisión Executiva do Consorcio aos efectos da súa concesión. Na mesma sesión aprobáronse definitivamente axudas para catro vivendas, sitas na rúas do Vilar, Espírito Santo, Xelmirez e Algalia de Abaixo, por un importe de 45.432 euros. Tamén co grao de definitiva se lle deu o visto bo á axuda, cunha dotación económica de 7.654 euros, que recibirá un local comercial da praza do Toural para a súa rehabilitación.

En materia de Urbanismo, o goberno municipal acordou poñer a disposición da Xunta de Galicia a parcela EE do proxecto de expropiación do solo urbanizable programado número 7 (SUP-7), que albergará o centro educativo de primaria de Pontepedriña. Así mesmo, tomouse coñecemento da presentación do anexo de alumeado público do proxecto de urbanización do SUNP-20 para a súa incorporación ao proxecto aprobado pola Xunta de Goberno de 29 de maio e autorizouse a disolución da Xunta de Compensación do PERI-2, que afecta á parcela que ocupa o Colexio Peleteiro, fixándose como sistema de actuación o de concerto.

A proposta da área de Benestar Social, a Xunta de Goberno Local aprobou axudas para que cinco familias poidan facer fronte a gastos de comedor escolar por valor de 2.117 euros. Neste mesmo ámbito, deuse conta da sinatura de varios convenios con cinco entidades do espectro socio-sanitario (centro cultural social Xoán XXIII; Asociación Internacional Teléfono da Esperanza, ASITES; Asociación de Pais de Persoas con Trastornos do Espectro Autista, ASPANAES; Asociación de Persoas con Trastorno Bipolar e Unipolar, ABISGA; e Asociación de Loita contra Enfermidades do Ril, ALCER) que contemplan unha achega total por parte do Concello por valor de 21.200 euros. Tamén se deu conta da subvención concedida pola Xunta de Galicia destinada á prestación de servizos sociais polas corporacións locais en concepto de Axuda a Domicilio "Novos proxectos", cunha contía de 120.000 euros.

Por último, aprobouse o prego e o inicio do expediente de contratación do subministro e instalación de semáforos na praza de Puente Castro establecéndose un tipo de licitación de 25.518 euros, e adxudicouse o subministro de instrumentos para a Banda Municipal de Música a Ángel Frieiro Casto, por importe de 13.978 euros.

Compartir: