ALCALDÍA

Sánchez Bugallo: "A posición do Concello será a de defender a prohibición da venta de alcohol a menores de 18 anos"

09/11/2007 Na súa habitual rolda dos venres, o alcalde fixo balance da xuntanza mantida polos rexedores das sete grandes cidades coa conselleira de Sanidade, María José Rubio. Sánchez Bugallo comentou que na xuntanza non houbo "ningunha sorpresa" e recordou a invitación da conselleira a participar na elaboración da futura na futura Lei Integral de Prevención, Asistencia e Inserción en Materia de Drogodependencias e outras Condutas Aditivas.

O rexedor compostelán lembrou que xa en 2003 o anterior Goberno autonómico elaborara unha lei na materia "que quedou gardada nun caixón" e expresou a súa confianza en que "agora non ocorra o mesmo". Con este obxectivo e respondendo á invitación da Consellería de Sanidade, o Concello designará un técnico para participar no grupo de traballo que debaterá sobre o contido da Lei.

Este técnico defenderá a postura do Concello de Santiago, que será a de "defender a prohibición da venda de alcohol a menores de 18 anos –na actualidade a idade fixada son os 16- e a prohibición da venda de alcohol en botella ou a granel en todo tipo de establecementos entre as 10 da noite e as oito da mañá", indicou Sánchez Bugallo a propósito do fenómeno do botellón.

En calquera caso, volveu a reclamar que sexa unha Lei a que de cobertura ás ordenanzas municipais, insuficientes para afrontar o problema dende o punto de vista legal. Finalmente, reiterou o desexo de "aunar propostas" por parte das sete grandes cidades de Galicia.

Cidade da Cultura e arquitectura
Sobre outros temas de actualidade, o alcalde referiuse á súa comparecencia na Comisión de Investigación da Cidade da Cultura. "Non teño a sensación de que despois do proceso de comparecencias saiba algo distinto de cando comezaron os traballos", apuntou. "De todos os xeitos –sinalou-, o importante é que todos saiamos deste proceso traballando polo futuro e por un obxectivo final, que é a posta en marca dos primeiros edificios en abril ou maio de 2009 e que a Cidade da Cultura estea rematada na súa totalidade en 2011-2012".

Tamén se referiu Sánchez Bugallo á celebración en Compostela dos V Encontros Internacionais de Arquitectura: "É un éxito enorme ter aquí a algúns dos mellores arquitectos do mundo e a 1.500 participantes, e nestes días sentímonos a capital da arquitectura".

Compartir: