CONSORCIO

Comeza a edición de outono do "Compostela Organum Festival"

08/11/2007 Entre o 10 e o 25 de novembro tres igrexas da cidade -Universidade, Ánimas, e San Miguel dos Agros- acollerán o ciclo de música Compostela Organum Festival, na súa edición de outono, que completa os concertos anteriores celebrados no mes de maio. Trátase dunha iniciativa estreitamente vencellada ao patrimonio relixioso da cidade e á revitalización dos órganos destes templos, herdeiros dunha tradición musical secular na historia de Santiago.

Por primeira vez, o concerto de órgano que se vai celebrar o sábado 10 de novembro, na Igrexa da Universidade a cargo de Jean-Luc Etienne, contará cun soporte audiovisual que consistirá na colocación dunha cámara móbil no interior do instrumento e outra no exterior enfocando ó teclado e ó rexistros. O obxectivo é que o público, a través dunha gran pantalla, poida visualizar, ao mesmo tempo que escoita o concerto, todo un interesante mecanismo que normalmente se oculta tras a fachada do instrumento, así como a observación en primeiro plano do intérprete ó teclado e dos cambios de rexistro.

O Festival conta coa participación de varios dos máis destacados organistas do panorama actual español e europeo, coma son Jean-Luc Etienne, Joaquín Barreira e Joao Vaz, que actuará acompañado do conxunto vocal Capella Patriarchal. O repertorio dos concertos abarca fundamentalmente as épocas do Renacemento e do Barroco, con pezas de Frescobaldi ou Bach ata o século XX. Grazas a esta nova iniciativa cultural prodúcese a revitalización dun instrumento intimamente vencellado ás igrexas coma é o órgano, de forte presenza musical e nos que se aúnan escultura e pintura con elementos propiamente sonoros.

Neste sentido, trátase tamén dun proceso de concienciación para facer uso deles tanto na vida litúrxica coma no ensino ou para do público en xeral. Así, nos últimos anos levouse a cabo unha importante labor de restauración e recuperación dos órganos da cidade. Así, aos órganos de San Paio (unha das xoias restauradas polo Consorcio en 1996) e das Dominicas, sumáronse as restauracións dos da Igrexa da Universidade, San Miguel dos Agros e o das Ánimas, tamén recuperados polo Consorcio.

A tradición organística de Santiago de Compostela ven de lonxe, con nomes tan importantes como os fabricantes Baltasar Machado, Manuel de la Viña, Alberto de la Peña ou Mariano Tafall. Deste xeito, o Compostela Organum Festival completa a oferta cultural da cidade aproveitando o seu inxente patrimonio artístico e relixioso.

Compartir: