CULTURA

Cineuropa acolle a estrea do documental "Liste, pronunciado Líster"

08/11/2007 Un neno de aldea que chegou a xeneral de catro exércitos (o republicano, o ruso, o polaco e o iugoslavo), que naceu co nome de Xesús Liste e morreu co de Enrique Líster. El protagoniza o filme de Margarita Ledo Andión Liste, pronunciado Líster, que será estreado o venres 9 de novembro, ás 21:00 horas, no Teatro Principal, no marco do festival Cineuropa.

Xesús Liste -de pai canteiro e de nai campesiña- emigra a Cuba no 1918, con once anos, e a súa historia vai parella coa do século XX: no 27 entra no Partido Comunista Cubano, no intre da súa fundación, e no 28 regresa a Galiza e organiza o Sindicato de Oficios Varios da súa comarca, Teo. O cárcere e unha dura condea pendente aconsellan que saia cara Moscú. Cando volve, no 35, responsabilízase do traballo antimilitarista nos cuarteis de Madrid. Entón sucédense as guerras: a civil, e a súa loita pola República. A mundial, e a súa intervención como xeneral nos exércitos do Leste. A Fría, cando marcha para Cuba e forma parte do Consello da Paz. Como indica Margarita Ledo, "é unha honra presentar este filme nunha cidade onde el entrou nas células comunistas, onde a xente veu andando dende Calo, para apoialo, cando o levaron preso, unha cidade que aínda o ten presente no seu imaxinario (no bar O' 42 aínda teñen fotos del)".

Incide tamén en que Cineuropa é o lugar propio para o cinema "propio, europeo, autoral", como neste caso. Conta Ledo como viviu durante tres anos a vida de Líster. O documental vai alén da reportaxe biográfica, precisamente por retratar esta personalidade complexa, non lineal: "cando empecei a explorar este retrato, interesoume moito a creba que vivía Europa, e como Líster mantiña invariable o seu modo de pensar".

O material fílmico abrangue dende o imaxinario que arrodea ao personaxe, os filmes de familia, os lugares, os arquivos oficiais. E mesmo creación, xa que se introduce unha parte dramatizada coa colaboración de Mónica Camaño, Zé Paredes, Anxo Laborda e Margarita Fernández. Para esta parte contouse coa dirección artística de Ricard Salvat e coa moi especial ollada cinematográfica de Markus Döhne e Bernardo Tejeda.

Segundo o concelleiro de Cultura, esta estrea non é só se trata do primeiro grande evento de Cineuropa, senón xa "dentro da historia do documental en Galicia, que se enmarca nunha liña inserida na recuperación da memoria histórica, en deixar fixadas para o coñecemento público actuacións, historias de vida".

Compartir: