REHABILITACIÓN

Vía libre a 70 novas actuacións nas áreas de rehabilitación de Vista Alegre e do Casco Histórico

08/11/2007 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo; a ministra de Vivenda, Carme Chacón; e a conselleira de Vivenda, Teresa Táboas, asinaron os acordos da Comisión Bilateral de Seguimento do Plan Vivenda 2005-2008 relativos ás áreas de rehabilitación de Vista Alegre e do Casco Histórico. O acto de sinatura, presidido polo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, dá vía libre á rehabilitación de 70 inmobles nestas dúas áreas.

Na Área de Rehabilitación Integral (ARI) de Vista Alegre, o acordo establece o programa para 2007, do que se beneficiarán 20 vivendas. Esta segunda fase engádese ás 200 vivendas aprobadas anteriormente. O programa desta ARI contempla a intervención sobre 852 vivendas.

O investimento total nesta segunda fase ascende a 504.700 euros. Destes, 400.000 dedicaranse ás obras de recuperación dos elementos comúns dos edificios, e a outras de adecuación da súa habitabilidade. A infraestruturas e urbanización destinaranse 90.000 euros. O resto, 14.700 euros, servirá para financiar o equipo técnico adscrito á Ventaniña Única de Vivenda: 14.700 euros.

En canto ao reparto dos fondos, o Ministerio de Vivenda achega 113.880 euros (22,56%), destinados aos tres conceptos referidos. Outros 117.000 euros (23,18%), para rehabilitación e urbanización, proceden da Xunta, mentres que o Concello contribúe con 53.820 euros (10,66%) á urbanización e a financiar os gastos do equipo técnico que xestionará as actuacións en coordinación coa Ventaniña Única de Vivenda. Os 220.000 euros restantes (43,59%) corresponderán aos particulares.

Cómpre lembrar que o custo medio das actuacións por vivenda estímase nos 20.000 euros. Na actualidade, estanse a estudar os detalles da intervención e a concretar os acordos coas comunidades de propietarios para comezar as obras.

Zona histórica
O acordo no caso da Área de Rehabilitación do Casco Histórico contempla a actuación, no Programa 2007, sobre 50 vivendas, do total de 2.407 sobre as que prevé a intervención neste ámbito. Posibilitará obras de recuperación de recuperación de elementos comúns dos edificios, así como outras de adecuación de habitabilidade das vivendas.

O custo total destas 50 actuacións será de 833.333 euros. Ademais, acometeranse obras de reurbanización cun investimento previsto de 250.000 euros. A estas cantidades hai que engadir 32.500 euros máis para financiar os gastos do equipo técnico adscrito ao Portelo Único de Vivenda. En total, o investimento será de 1.115.833 euros para o período 2007-2010.

O Ministerio de Vivenda achegará 388.000 euros (34,77%) para financiar a rehabilitación, a urbanización e o equipo técnico do Portelo Único. A Xunta participará con 325.000 euros (29,13%) para rehabilitación e urbanización, e o Concello con 119.500 euros (10,71%) para rehabilitación e equipo técnico. Aos particulares tócalles achegar a cantidade restante, 283.333 euros (25,39%)

Nesta novena fase, a intervención afectará fundamentalmente ás vivendas situadas nas zonas periféricas da améndoa do Casco Histórico, cun incremento substancial das axudas para o segmento de familias con menor nivel de ingresos. Tamén se incentivarán as actuacións de rehabilitación de elementos especiais e de interese arquitectónico.

Compartir: