EMPREGO

Unha xornada expón o traballo realizado en Galicia en materia de muller e emprego

07/11/2007 As II Xornadas Técnicas "Muller e Emprego" amosarán as experiencia, posibilidades e propostas de autoemprego nas mulleres con risco de exclusión social. O encontro celebrarase o luns 12 de novembro no Auditorio de Galicia.

O concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Xosé Manuel Iglesias, presentou estas xornadas, enmarcadas o Plan de Acción Local polo Emprego, asinado polo seu departamento con nove entidades vinculadas ao mundo laboral. Acompañouno o presidente da Asociación Plataforma polo Emprego, Miguel Fernández Blanco, quen apuntou que no encontro presentaranse as iniciativas máis innovadoras no campo da inserción e integración socio-laboral de mulleres que se desenvolven en Galicia.

Ademais destas propostas, que se presentarán nun panel de experiencias, explicaranse as políticas de emprego e igualdade que se desenvolven na Comunidade Autónoma. Tamén haberá tempo para unha mesa redonda co tema "Mulleres, participación social e emprego".

Os interesados en asistir a estas xornadas, abertas ao público en xeral, só teñen que enviar os seus datos persoais, o seu contacto e a súa profesión, especificando "Inscrición Xornada" ao correo electrónico plataformaemprego@yahoo.es.

O Plan de Acción Local polo Emprego, no que se inclúe este encontro, ten como obxectivo traballar dun xeito conxunto e coordinado cos axentes vinculados ao desenvolvemento do mercado laboral. Preténdese converter a Santiago nunha cidade punteira e de referencia na creación de emprego, orientada á igualdade de oportunidades, á eliminación de barreiras e á equidade real no acceso a un posto de traballo.

Compartir: