REFORMA ADMINISTRATIVA

Dous novos rexistros no Ensanche e en Fontiñas achegan a Administración aos cidadáns

07/11/2007 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, acompañado da concelleira de Reforma Administrativa, Rosa Fernández, visitou o Centro Sociocultural do Ensanche, con motivo da súa posta en marcha tamén como rexistro auxiliar para a entrada de documentación. Este novo rexistro, xunto co do Centro Sociocultural de Fontiñas, vén a desconcentrar este servizo, que se achega deste xeito aos cidadáns.

O novo rexistro do Ensanche, segundo indicou Sánchez Bugallo, dará servizo a unha área que acolle aproximadamente o 25% da poboación de Santiago. A de Fontiñas ocupa en torno a outro 15%. "Non me estrañaría que nun par de anos o Rexistro Central leve un 50% e o resto os rexistros periféricos", apuntou. Ademais, non descartou a creación de novos rexistros auxiliares en zonas como Vite.

Estes rexistros funcionarán como auxiliares do Rexistro Central. O seu horario de atención ao público será, de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas. A súa creación fora aprobada pola Xunta de Goberno do 24 de setembro, nunha decisión que tamén creaba outros rexistros e formalizaba os existentes.

Compartir: