MOCIDADE

Un novo programa de actividades para a dinamización sociocultural da mocidade compostelá

06/11/2007 O concelleiro de Mocidade e Festas, Xosé Baqueiro, presentou o programa de actividades para xóvenes do curso 2007-2008. O calendario de actividades comezará cun concerto de presentación, o xoves 8 de novembro, na Sala Capitol, que contará coa actuación de tres grupos dos Locais Municipais de Música: Mito Escrito, Bronquitis Crónica e Hyde. A asistencia é de balde, a partir das 21:30 horas.

Entre as actividades previstas destacan o programa de apoio ao asociacionismo xuvenil, as actividades formativas para asociacións xuvenís do medio rural, as campañas de fomento do asociacionismo e do voluntariado, diversos talleres en institutos e no Ensanche, os programas lúdicos de fin de semana, a campaña de educación afectivo sexual ou o programa de deporte para a xuventude.

O programa de actividades desenvolve a política municipal para a xuventude, tendo como eixes de actuación a promoción do asociacionismo xuvenil e a dinamización sociocultural da xente moza de Santiago. Este colectivo conta cunha Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) que orienta e distribúe información en asuntos como: emprego, subvencións, tempo libre, orientación académica e intercambios, entre outros. Ademais, editará por Internet unha guía dixital para a difusión de información entre os colectivos.

Asesoramento e espazos
Tamén se prepararon iniciativas propias dirixidas ao sector, así como outras que xorden desde os propios colectivos, cun labor de apoio e asesoría técnica, establecendo as correspondentes liñas de axuda. Igualmente, foméntase a creación de espazos de formación para que os membros de asociacións xuvenís poidan facer uso dos recursos dispoñibles.

O complexo eixo destas accións será o Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche (Frei Rosendo Salvado, 14-16), que comparte servizos coa área de Centros socioculturais e coa Biblioteca Fundación Caixa Galicia.

Pero ademais, nesta nova etapa, o esforzo municipal orienta as súas iniciativas na posta en funcionamento dun conxunto de novos equipamentos que dean satisfacción ás demandas da xuventude compostelá. Esta oferta de locais está composta polo Centro Xoven de Creación Cultural, na Almáciga; polo Centro de Información e Documentación para a Xuventude, en Sar; e pola ampliación e novos servizos dos Locais Municipais de Música, no estadio de San Lázaro.

Compartir: