ALCALDÍA

Sánchez Bugallo reitera a "lealdade institucional" do Concello coa Cidade da Cultura

06/11/2007 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, compareceu ante a Comisión de Investigación da Cidade da Cultura, no Parlamento de Galicia. Na sua intervención fixo un relato do coñecemento e da participación do Concello no proxecto dende a súa xestación, e reiterou que "a Cidade da Cultura é unha gran infraestrutura cultural de Galicia e a nosa obriga, por lealdade institucional, é a de colaborar plenamente na súa creación".

Sánchez Bugallo realizou unha descrición cronolóxica da participación municipal no proxecto, dende a primeira reunión na que o entón conselleiro de Cultura, Pérez Varela, lle presentou o proxecto. "Pareceume unha oportunidade para Galicia e para Santiago de Compostela", dixo. En particular, referiuse ao apoio do Concello á Cidade da Cultura, que arrinca do acordo de goberno municipal asinado en xullo de 1999.

Tamén aludiu á previsión do proxecto recollida nos traballos de redacción do que sería o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) e á proposta do Concello de definición dos contidos unha vez que o Goberno da Xunta acordou esa revisión. "No Concello solicitamos a participación de 20 especialistas, que en cinco meses formularon unha proposta de contidos co ánimo de contribuír á toma de decisións da Xunta e que lle foi entregada ao presidente da Xunta e á conselleira de Cultura", indicou o alcalde.

Sobre estas conclusións, lembrou que, do mesmo xeito que avalaron o proxecto arquitectónico, recomendaron unha "revisión profunda" dos contidos. En particular puxo como exemplo o chamado Teatro da Ópera. "Chegaron á conclusión de que era difícil rendibilizalo ao longo do ano e tiña un custo moi elevado; apostaban por un edificio máis polivalente e máis vinculado á creación artística".

Proxecto arquitectónico incuestionable
En resposta a unha das preguntas dos deputados, Sánchez Bugallo, pronunciouse sobre o proxecto arquitectónico, do que dixo "non debe ser posto en cuestión porque é un gran éxito". Non obstante, deixou claro que "fun invitado a formar parte do xurado para a elección do arquitecto, pero non asistiu a ningunha reunión do xurado; aínda así, nunca cuestionei a proposta feita polo xurado".

Sobre a súa participación no Padroado da Cidade da Cultura, o rexedor compostelán recalcou que o facía "como alcalde de Santiago" e afirmou no ter participado na xestión: "Nunca participei en ningunha mesa de contratación nin de selección de persoal, nin fun invitado a elas; eu estaba no Padroado para colaborar e non para facer oposición".

Para Sánchez Bugallo, "o éxito ou fracaso da Cidade da Cultura virá determinado por moitos temas, dos que a calidade do proxecto arquitectónico é un deles". Neste sentido, insistiu en que "é un gran investimento que ten que render réditos" e exercer un "efecto de atracción "en Galicia e fóra dela.

Compartir: