CULTURA

Cineuropa traerá 70 estreas ás pantallas compostelás

05/11/2007 O festival Cineuropa alcanza xa a súa vixésimo primeira edición, consolidado xa como un certame de referencia e unha oportunidade única para gozar de filmografías que en moitos casos non chegan aos circuítos comerciais. Nesta ocasión proxectaranse 115 filmes, dos cales 70 son estreas absolutas.

Cinco salas da cidade, o Teatro Principal, o Salón Teatro, a Fundación Caixa Galicia, o CGAC e a Aula de Cultura Caixa Galicia, serán os escenario das proxeccións. Alí o público poderá asistir á estrea dos filmes dalgúns dos máis destacados cineastas do panorama internacional. Así, o festival proxectará películas como "It´s a free work", de Ken Loach; "A muller cortada en dous", de Claude Chabrol; "A duquesa de Langeais", de Jacques Rivette; ou "Cen cravos" de Ermanno Olmi.

Tamén estarán presentes filmes de plena actualidade como "Michael Clayton", o thriller producido por Sydney Pollack, ou as dúas primeiras reaccións cinematográficas á intervención de Estados Unidos en Irak: "Redacted", de Brian De Palma, e "No val de Ellah", do oscarizado Paul Haggis, protagonizada por Tomy Lee Jones, Charlize Theron e Susan Sarandon.

A todas estas hai que engadir outras coma o Oso de Ouro en Berlín, a china "A voda de Tuya"; a Palma de Ouro de Cannes, a romanesa "Catro meses, tres semanas, dous días"; e o Gran Premio do Xurado no mesmo certame, "O bosque de loito", de Naomi Kawase. "Mil anos de oración", de Wayne Wang, Concha de Ouro en San Sebastián; e "The fall", de Trasem Singh, gañadora do Festival de Cine Fantástico de Sitges engádense á lista de filmes premiados.

Máis seccións e máis premios
Nesta edición de Cineuropa non faltarán as seccións tradicionais, avaladas polo éxito do público en anteriores edicións. É o caso de "Mundo Asia", "Fantastique Compostela", "Docs: cinema e historia", "Doc: Música" ou "Cinefilias". Entre as novidades, "Arxentina latente", dedicada á extensa filmografía deste país.

Ademais, este ano o festival concede ata tres Premios Cineuropa. Os homenaxeados serán José Luís Guerín, Jane Birkin e Vicente Aranda, que estarán en Compostela para recibir o aplauso do público, que poderá tamén gozar dos seus últimos filmes. Outro premio, o do público, sairá coma sempre da votación dos milleiros de espectadores que desfilarán durante semanas polas cinco salas de proxección.

A programación e todas as novidades do festival foron presentadas en rolda de prensa polo concelleiro de Cultura, Néstor Rego, que estivo acompañado polo director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel José Fernández; polo xerente do Consorcio de Santiago, Xosé Manuel Villanueva; e polo director do festival, José Luís Losa.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: