RELACIÓNS VECIÑAIS

A Casa das Asociacións estará en funcionamento antes do verán de 2008

02/11/2007 Avanzan a bo ritmo as obras na Casa das Asociacións. Así se puido constatar na visita que realizou ás mesmas o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo. A falta dalgunhas obras complementarias e do equipamento posterior, o complexo poderá ser inaugurado entre a primavera e o verán de 2008.

A Casa das Asociacións, situada na antiga estación de ferrocarril, dará cobertura ao movemento asociativo de Santiago como elemento canalizador da participación cidadá. Será un centro polivalente e integrador, que albergará actividades formativas, informativas e actividades de ocio. Alí estará a sede da Concellaría de Relacións Veciñais.

As obras complementarias teñen que ver coa dotación dun grupo electróxeno autónomo e co reforzamento da iluminación. O alcalde tamén aclarou que era importante que as obras estiveran rematadas unha vez que se tivera habilitado un acceso á Casa. Neste sentido, tamén son fundamentais as obras do cuarto xiro de Cornes, e a súa complementariedade coas de urbanización dos SUP 2 e 3, o que permitirá solucionar as conexións de Romero Donallo e Cornes con Pontepedriña.

A Casa das Asociacións conta cun orzamento de preto de 900.000 euros, incluído o equipamento da mesma. Terá 1.200 metros cadrados, divididos en planta baixa, un primeiro e un segundo andar. Ademais da delegación de Relacións Veciñais, o edificio contará cunha oficina de información asociativa, con despachos e dependencias para o persoal e para as sedes das asociacións usuarias, salón de actos e conferencias, e salas de traballo, talleres e reunións.

Este punto de encontro para o movemento asociativo servirá de complemento ás prestacións técnicas e económicas do Concello ao mesmo. Alí haberá actividades formativas (cursos, talleres), informativas (charlas, xornadas, relatorios) e de ocio, así como un fondo de documentación.

O tecido asociativo compostelán está integrado por máis de 400 colectivos inscritos no Rexistro municipal. Cunha maior capacidade de mobilización no rural, as asociacións do municipio destacan polo traballo voluntario das súas directivas, polo seu alto índice de autofinanciamento e pola organización de diversas actividades socioculturais, formativas e deportivas.

Compartir: