TURISMO

Xosé Manuel Iglesias reúnese con axentes turísticos e económicos de Salvador de Bahía

29/10/2007 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, chega o 29 de outubro a Salvador de Bahía, procedente de Río de Janeiro. Entre os obxectivos da viaxe, organizada en colaboración co IPAEX (Instituto para a Proxección e a Análise Exterior), figura estabelecer relacións duradeiras cos axentes económicos, autoridades políticas, xestores turísticos e empresariado galego do Estado da Bahía; promocionar turisticamente Compostela nun contorno sensible cara o Camiño de Santiago; e consolidar lazos coas asociacións que aglutinan á diáspora galega asentada na zona.

A economía bahiana experimentou un sólido crecemento na última década, moi superior á media do Brasil, que está propiciando a aparición de novos segmentos de poboación con capacidade económica para consumir productos turísticos que teñen como destino a Europa. Neste momento, Santiago está na mellor das disposicións para ser receptora desta demanda potencial. Por outra banda, dentro tres grandes áreas de investimento e promoción pública que ten debuxado o Goberno da Bahía, dúas coinciden con sectores nos que o tecido empresarial de Compostela pode concluír e aportar a súa solvencia, experiencia e tecnoloxía. Son transportes e saneamento.

Entre o 29 de outubro e o 3 de novembro, o nacionalista Xosé Manuel Iglesias desenvolverá unha apretada axenda que comenza cunha entrevista co secretario xeral da Asociación de Empresarios Galegos de Bahía. O día 30 de outubro, o concelleiro ten previsto entrevistarse co presidente rexional de ABAB (Associaçao Brasileira de Agentes de Viagem), Pedro Costa, e coa presidenta de BAHIATURSA (consorcio que integra a entidades privadas relacionadas co sector turístico), Emilia Silva; e almorzar coa dirección da Asociación de Empresarios Galegos da Bahía.

Na axenda de Iglesias do 31 de outubro hai dúas entrevistas, coa presidenta de CONDER (Compañía de Desenvolvemento Urbano do Estado da Bahía), María del Carmen Fidalgo; e co secretario de Indústria e Comércio de Bahía, Rafael Amoedo; e unha reunión con responsables de Caballeros de Santiago.

O día 1 de novembro o Concelleiro de Promoción Económica ten previsto entrevistarse co secretario de Turismo do Goberno da Bahía, Domingos Leonelli, co Secretario da SECRI/PMS (Secretaría de Relacións Internacionais), Leonel Neto, e reunirse con responsables do Hospital Espanhol e do Centro Espanhol. Os días 2 e 3 de novembro, Xosé Manuel Iglesias afondará nos temas tratados nunha serie de entrevistas concertadas con algunhas das entidades citadas.

Compartir: