PROMOCIÓN ECONÓMICA

Quince mulleres reciben formación como especialistas en asistencia persoal

29/10/2007 Quince mulleres están recibindo formación como especialista en asistencia persoal. A acción formativa, de carácter gratuíto, enmárcase no Proxecto Persoa III que desenvolve a Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo. O obxectivo do curso é formar especialistas capaces de dar resposta ás distintas necesidades de apoio que presentan as persoas con diversidade funcional, e que empezan a ser consideradas a partir da aplicación da Lei de Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás Persoas en situación de dependencia.

"Especialista en asistencia persoal" consta de 415 horas lectivas, 215 teóricas e 200 horas prácticas en distintas entidades que traballan con persoas maiores e dependentes. O período formativo comezou o 14 de setembro, e está previsto que remate o 7 de novembro, día en que comeza a fase de prácticas, na que se traballará a inserción laboral das participantes.

O Proxecto Persoa III ten como obxectivo promover a integración laboral de desempregados a través da súa participación nun proceso integral de inserción (formación, prácticas en empresas e apoio á colocación) en ocupacións consideradas como novos xacementos de emprego. Especialista en asistencia persoal é a sétima acción formativa que se imparte a través deste programa. As outras seis especialidades foron Especialista en atención a persoas maiores e discapacitadas, Atención temperán e estimulación precoz, Especialista en mediación familiar e socioeducativa na resolución de conflitos, Especialista no coidado da imaxe persoal e estética a persoas maiores e/ou dependentes, Adestrador físico de persoas con discapacidade e Experto en envellecemento activo. 51 persoas, o 57% das 90 que participaron nestes seis cursos, xa accederon ao mercado laboral.

Compartir: