CONSORCIO

Peter Lax apadriña a celebración do 50 aniversario da Facultade de Matemáticas

29/10/2007 O martes 30 de outubro inicia a súa visita a Compostela Peter David Lax, Premio Abel 2005, dentro do programa ConCiencia, organizado polo Consorcio de Santiago en colaboración coa Universidade.

Peter David Lax (Budapest, 1926) estará na cidade varios días para manter distintos encontros con medios de comunicación e investigadores da Universidade. Tamén pronunciará unha conferencia sobre a "Vida e época de von Neumann" no Centro Galego de Arte Contemporánea. Ao mesmo tempo apadriñará os actos do 50 aniversario da Facultade de Matemáticas.

Datos biográficos
En plena II Guerra Mundial unha familia xudea húngara escapaba do horror nazi, vía Lisboa, cara os EE.UU: tiñan a sorte de que o cabeza de familia era o médico do cónsul americano en Budapest. Nesa familia estaba o prodixioso talento da matemática Peter David Lax, de tan só 15 anos (nado en 1926).

Aos poucos meses chegaba á súa nova casa americana John von Neumann (un dos semideuses do Instituto de Estudos Avanzados de Princeton, xunto con Einstein, Kurt Gödel e Robert Oppenheimer). Púxoo a proba e quedou fascinado. O lobby húngaro funcionou: aos poucos meses, na primavera de 1942, nunha prácida sesión de té, Paul Erdös (o matemático máis prolífico da historia despois de Euler) xa llo presentaba a Albert Einstein. "Dr. Einstein, preséntolle a este talentoso matemático húngaro". Einstein replicou: "¿Por qué ten que mencionar vostede o de húngaro?".

A traxectoria do mozo Peter Lax foi mítica. En 1945 integrábase no proxecto Manhattan (tiña só 18 anos) unhas semanas antes do Trinity Test, a primeira detonación nuclear da historia, feita polos norteamericanos en Alamogordo, Novo México, antes de empregala contra o Xapón.

El sabe que a participación nese programa sempre conleva preguntas sobre carreira armamentística. E coas preguntas veñen as respostas. Criticou a Edward Teller por levar a idea da Guerra das Galaxias ao presidente Reagan pola porta de atrás. Sobre todo porque "unha vez que convenceches a Reagan, e logo a Bush, é moi difícil botar para atrás unha idea que lle gusta ao presidente dos EE.UU.".

Pero a súa vida cientifica aínda non empezara. Fixo rachadoras contribucións á teoría e aplicación de ecuacións diferenciais parciais e á computación das súas solucións. El é, de feito, o fundador da matemática computacional moderna, que hoxe nos axuda por exemplo nas predicións meteorolóxicas. De referencia son os seus traballos sobre ondas de choque, de aplicacións non só para comprender os efectos dunha bomba atómica, senón tamén para o deseño de avións.

Ademais de ser a figura dominante da matemática aplicada do século XX, tamén é figura central na matemática pura. Como exemplo, para a historia queda a Conxectura de Lax, lanzada por el en 1958 e que tardou máis de 4 décadas en desmostrarse. Non quedan aí as súas notables aportacións, que abarcan dende as ecuacións diferenciais parciais ata as aplicacións en enxeñaría. O seu nome asóciase a moitos dos principais logros en matemáticas: Lema de Lax-Milgram, o Teorema da Equivalencia de Lax, o Esquema de Lax-Friedrichs, o Esquema de Lax-Wendroff, a condición de entropía de Lax ou a Teoría de Lax-Levermore. Un dos matemáticos máis versátiles da súa xeración no podía quedar sen recoñecemento. En Matemática non hai Premio Nobel, pero para suplilo está o Premio Abel, instaurado pola coroa de Noruega en 2003 para cubrir o oco. El gañouno xa na terceira edición. Tamén gañou o Premio Wolf (1987), a familia de premios máis famosa despois dos Nobel. A nivel organizativo tamén foi durante moitos anos Presidente da Sociedade Matemática Americana.

Pero á marxe de premios, o que máis fascinará da súa visita a Compostela será o relato das súas vivencias. O seu acto central do martes, día 30, versará sobre o seu mentor John von Neumann e os grandes persoeiros históricos daquela época, cos que tivo contacto directo.

Compartir: