CULTURA

A Real Filharmonía de Galicia retoma os seus concertos didácticos no Auditorio

29/10/2007 Os días 30 e 31 de outubro, a Real Filharmonía de Galicia volve ofrecer os seus concertos didácticos no Auditorio como unha forma diferente de achegar a música clásica aos máis pequenos da cidade e da bisbarra. "Pedro e o lobo", de Prokofiev, é unha peza na que diferentes instrumentos da orquestra representan os distintos personaxes do conto infantil á vez que resaltan as palabras do narrador.

Aos concertos, que xa son unha tradición na programación cultural de Santiago, están confirmados que se acheguen non só colexios da cidade (en total 17 centros), senón tamén dos concellos limítrofes (Teo, Boqueixón, Ames, Brión, Oroso, Val do Dubra) e doutros máis afastados, como Pontedeume, Outes, Arzúa, Cambados, Rianxo, Padrón e Sanxenxo.

A programación didáctica integra visitas guiadas e concertos para escolares, e pon á súa disposición unidades didácticas para traballar na aula previamente.

Monicreques
Xunto á Real Filharmonía actúa a compañía de monicreques Per Poc. Eles levan case 20 anos desenvolvendo plástica e dramaturxia de teatro de monicreques, o que os ten levado actuar a Viena, Moscú, ou ao Festival Castell de Peralada, o Festival Grec de Barcelona ou o Festival de Outono de Canarias. Tamén son asiduas as súas colaboracións coa Orquesta Sinfónica da Región de Murcia, a Orquesta de Extremadura, a Orquestra Simfònica del Vallès ou a Orquesta Filarmónica de Málaga, entre outras.

Compartir: