REHABILITACIÓN

Máis actuacións de rehabilitación en Vista Alegre e no Casco Histórico

29/10/2007 O Goberno local aprobou as memorias-programa das actuacións nas áreas de rehabilitación integral do Centro Histórico e de Vista Alegre. Esta memorias son un requisito previo á sinatura dos convenios para a realización das máis de 70 actuacións previstas.

No caso da Área de Rehabilitación Integral (ARI) de Vista Alegre, a memoria describe a segunda fase de actuacións, que beneficiará a 20 vivendas, despois das 200 aprobadas na primeira. Cómpre lembrar que o ámbito de actuación será dun total de 852 vivendas.

De acordo coa memoria, o programa nesta segunda fase supón un investimento de case 500.000 euros. Deles, 400.000 corresponden ao programa de rehabilitación das 20 vivendas, da que a Consellería de Vivenda achegará 90.000 euros (22,5%); o Ministerio de Vivenda outros 90.000; e os particulares 220.000 (55%). Ademais, destinaranse 90.000 euros ao programa de reurbanización: Ministerio,18.000 euros (20%); Consellería, 27.000 (30%); e Concello, 45.000 euros (50%).

Na actualidade, o proxecto está na fase de estudo dos detalles e dos custos das actuacións, cuxo custo medio por vivenda se estima nuns 20.000 euros. Tamén se están a concretar os acordos coas comunidades de propietarios para comezar definitivamente as obras.

A intervención desta ARI suporá unha transformación total da fisionomía e da estética deste polígono de vivendas. A rehabilitación integral afectará tanto aos edificios e vivendas como aos espazos libres de uso público e aos vieiros. Nos edificios, as actuacións pretenden solucionar as carencias e deficiencias dos elementos comúns. Así, instalaranse elevadores exteriores, intervirase na envolvente dos edificios, arranxaranse as escaleiras e os portais, intervirase sobre as terrazas exteriores e melloraranse as instalacións xerais. Tamén se acometerá a rehabilitación interior das vivendas que o soliciten.

Chamará a atención especialmente o emprazamento de ascensores pegados aos edificios e os novos portais de acceso na planta baixa. Ademais, os actuais sotos transfórmanse en plantas baixas, coa permisividade para uso comercial, e trasládase o portal de acceso á rúa a nivel de planta baixa.

Zona histórica
A memoria das actuacións da área de rehabilitación do centro histórico describe a novena fase das mesmas e beneficiará a máis de 50 inmobles. Fínanse as achegas para o período 2007-2010.

O Ministerio financiará a rehabilitación, a urbanización e o equipo técnico por importe de 388.000 euros. A Xunta aportará á rehabilitación e á urbanización outros 325.000 euros, mentres que a achega do Concello para urbanización e equipo técnico será de 119.500 euros.

Nesta novena fase dirixiranse as actuacións cara a mellora das condicións de habitabilidade das vivendas situadas nas zonas periféricas da améndoa do Casco Histórico, incrementando substancialmente as axudas para o segmento de familias con menor nivel de ingresos. Ademais, incentivaranse as actuacións de rehabilitación de elementos especiais e de interese arquitectónico.

Tamén se contempla a reurbanización da praza de San Roque e do seu contorno, cun investimento de 250.000 euros aportado polas tres Administracións.

Compartir: