UMAD

A UMAD pon en marcha programas de prevención de drogodependencias

29/10/2007 A Unidade Municipal de Atención a Drogodependencias (UMAD) porá en marcha dous programas de prevención de drogodependencias, unha vez adxudicada a súa realización pola Xunta de Goberno. Trátase do Programa de información e formación en prevención de drogodependencias e do Programa de prevención de drogodependencias a través do adestramento en habilidades sociais.

O primeiro dos programas está destinado a alumnado de ESO, Bacharelato, Garantía Social e Ciclos Formativos, e ten custo de 15.161 euros. A outra actividade está dirixida a alumnos de ESO, con adolescentes e con pais e nais. O programa supón un investimento de 22.184 euros. Ocuparas de desenvolver ambas actividades a Asociación para a Prevención e Intervención Psicolóxica Chisem.

Para outros programas impulsados dende a UMAD, os que se refiren ao esforzo global anti-VIH/SIDA , a Consellería de Sanidade outorgoulle ao Concello 7.300 euros de subvención. En concreto, afectan aos programas de prevención de VIH/SIDA dirixido a adolescentes en situación de risco denominado "Sexo máis seguro" (400 euros); de prevención de VIH/SIDA dirixido ao centro de educación especial O Pedroso "Sexo máis seguro" (900 euros); de prevención de VIH/SIDA dirixido a usuarios e ex usuarios "Obradoiro sexo máis seguro e consumo de menos risco" (1.000 euros); de rúa ou achegamento con participación de usuarios ou ex usuarios de drogas "Bola de neve" (1.200 euros); "Kamelamos Guinar" de prevención de VIH/SIDA, dirixido ao colectivo específico de xitanos e xitanas (2.900 euros); e de prevención do VIH/SIDA, dirixido ao colectivo gay de Santiago de Compostela (900 euros).

Compartir: