ALCALDÍA

Recoñecemento aos galegos do ano

26/10/2007 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, asistiu unha edición máis á entrega dos premios "Galegos do ano", promovidos polo grupo El Correo Gallego. No acto, ao que tamén asistiu, entre outros, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, recoñeceuse a persoas e institucións galegas que destacan polo seu labor e traxectoria.

Na súa intervención, Sánchez Bugallo felicitou ao grupo editor pola entrega destes premios, que co paso das edicións se convertiron nun dos actos sociais de máis relevancia dos celebrados en Galicia. Tamén tivo parabéns para os galardoados, aos que puxo como exemplo de "talento, capacidade e iniciativa", e para o gran homenaxeado da noite, o Galego do Ano, Manuel Gómez-Franqueira, director xeral do Grupo Coren., do que dixo "soubo adaptarse aos novos tempos mantendo intacta a esencia da empresa e do país".

O propio alcalde encargouse posteriormente de entregar algún dos premios na gala celebrada no Auditorio de Galicia. Os premiados nesta ocasión foron o cooperante de ONG Roberto Vila Sexto; o atleta Javier Gómez Noya; as escritoras Susana Fortes e Marta Rivera de la Cruz, ex ¬aequo; o presidente do grupo BAP & Conde, Miguel Conde Lobato; o director xeral de Blusens, José Ramón García González; o pintor Antón Pulido; a presidenta da Real Academia Nacional de Farmacia, María Teresa Miras Portugal; o empresario e mecenas Ramiro Carregal; o produtor audiovisual José María Besteiro Cabanas; o empresario Carlos Pérez Padrón, a xornalista María Antonia Iglesias; e a funcionaria e deportista Victoria González Vázquez. Preto dun milleiro de invitados asistiron ao acto.

Compartir: