CULTURA

Buratini achega o medio ambiente aos máis pequenos

26/10/2007 No marco do programa de teatro didáctico da Concellaría de Cultura, a compañía Teatro Buratini presenta a súa obra "Mensaxe nunha botella de plástico", coa que pretende animar aos máis novos a acudir ao teatro e tamén a coidar o seu entorno. Os centros educativos poderán achegarse ao Teatro Principal compostelán os vindeiros días 29, 30 e 31 de outubro.

Segundo o director da obra, Xosé Prieto, "Mensaxe nunha botella de plástico" quere ante todo "contar unha historia". De xeito divertido, a trama aglutina cancións, humor, concienciación e historia en tan só 50 minutos. Ten algo de crítica social e mensaxes positivas e fuxe do "aburrimento mínimo".

A obra denuncia a contaminación mariña: os pescadores xa non collen peixes, senón latas e tetrabriks. Segundo a actriz que encarna a Cornecha, Chancleto, o Home Suxo, o Pirata Patatola, o Peixe Multilixo e o Peixe Tomás, é dicir, Larraiz Urruzola, a obra xurdiu como un longo proceso de traballo, inspirada noutros artistas que xa trataran o tema do lixo. A protagonista afirma que é o resultado dun proceso "moi emotivo, difícil e intenso".

Os centros anotados poderán acudir ás representacións ás 10:30 e 12:00 horas os días 19, 30 e 31. Este último día tamén haberá outro pase, esta vez ás 18:30, aberto a todo o público en xeral.

O programa de teatro didáctico organizado pola Concellaría de Cultura compostelá, inclúe ademais outras representacións, entre as que se prevé a participación da compañía Berrobambam para o mes de novembro, coa montaxe "Boas noites".

Compartir: