ALCALDÍA

O alcalde expresa a súa "satisfacción razoable" cos orzamentos estatais e galegos para Santiago

26/10/2007 Coñecidas as partidas orzamentarias do Estado e da Comunidade Autónoma para Santiago, o alcalde manifestou a súa "satisfacción razoable" cos mesmos. Un único tema que segue a ter descontento a Sánchez Bugallo é a autovía a Lugo.

Respecto aos orzamentos do Estado, apuntou que "en xeral, os nosos temas están ben recollidos". Así, referiuse a partidas comprometidas como as da nova terminal de Lavacolla, a futura depuradora e os colectores, o tramo do AVE Santiago-Ourense ou o túnel da Galuresa.

A propósito de dous dos compromisos, o alcalde fixo dous anuncios. Por un lado, o luns 29, AENA adxudicará as obras da nova Terminal aeroportuaria de Lavacolla. Por outra parte, Fomento encargou o estudo do terceiro carril da AP-9. De feito, encargouno coa previsión de catro carrís en cada sentido, aínda que inicialmente se executará o terceiro unicamente.

En relación á autovía a Lugo, Sánchez Bugallo reiterou que "non vai a bo ritmo" e expresou o seu descontento coa escasa partida contida para unha obra "que non baixará dos 600 millóns de investimento". Ademais, amosouse convencido de que, ao final e como sempre foi o criterio do Goberno municipal, se optará pola opción Lavacolla-Guitiriz, en vez da solución por Guntín, "que nos deixa máis lonxe da Transcantábrica".

Os orzamentos galegos tamén foron valorados polo rexedor compostelán, que estima que recollen os compromisos coa cidade. En particular estimou a inclusión da previsión para facer fronte ás expropiacións no polígono industrial da Sionlla.

Manifestación
Na súa rolda de prensa semanal dos venres, o alcalde referiuse á última manifestación en Santiago dos traballadores da mina de Serrabal. Indicou que "non pediron autorización para os vinte trailers que bloquearon a cidade e que nada teñen que ver co dereito de manifestación".

Apuntou que a Delegación do Goberno "deberá poñer os medios para que isto non se repita", e advertiulles aos manifestantes que "o único que poden conseguir con estas accións é xerar indignación cidadá".

Compartir: