EDUCACIÓN

Federico Martín forma como contacontos a pais e educadores

24/10/2007 A VIII Campaña de Animación á Lectura, promovida pola Concellaría de Educación e pola editorial Kalandraka, trae esta vez a Compostela ao recoñecido Federico Martín, escritor, antólogo de grandes poetas, contacontos e animador á lectura. El impartirá o curso "As sete portas de memoria" na Galería Sargadelos os días 24 e 25 de outubro, de 18:30 a 20:30 horas.

Os cursos de Federico Martín son toda unha experiencia para os sentidos e neles os libros son interpretados tanto dende unha lectura auditiva como óptica, porque como el di, "o ollo do neno é moderno". O seu é toda unha aventura pedagóxica, consciente de que "a alma dos nenos vive das palabras", e de que "a lectura nos fai laicos e democráticos".

Ata 100 profesores, educadores, pais e bibliotecarios poderán participar neste curso, cuxos obxectivos son recuperar a memoria, adquirir estratexias para a súa construción e recuperar os momentos máxicos do tempo de contar e cantar. Os participantes poderán aprender como achegarse didáctica e eficazmente aos nenos a través dos cantos e dos contos.

Federico Martín Nebras é un prestixioso experto en literatura infantil e xuvenil. Colabora e coordina seminarios nesta materia en toda España, participa como poñente en numerosos congresos internacionais de literatura e imparte cursos e charlas en diversos países do mundo.

Compartir: