PROMOCIÓN ECONÓMICA

Máis de 300 persoas participan na II Xornada Emprende en Compostela

23/10/2007 Máis de 300 persoas inscribíronse na II Xornada Emprende en Compostela. Estas cifras son provisionais, xa que se trata dunha xornada aberta, cun programa de actividades variado, deseñado dun xeito práctico e didáctico para que as persoas inscritas poidan intervir e intercambiar experiencias e coñecementos. O encontro está dirixido aos interesadas en desenvolver un proxecto empresarial nos vindeiros anos e aos que están dando os seus primeiros pasos á fronte dunha empresa.

Na apertura da xornada, que se celebra no Pazo de Congresos, participaron o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; o presidente da Cámara de Comercio de Santiago, Jesús Asorey; o vicerreitor de Relacións Institucionais e reitor en funcións da USC, Lourenzo Fernández Prieto; o presidente da Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre, Jesús Chenel; e o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel Iglesias. Este destacou que un dos principais obxectivos da súa Concellaría é fomentar a cultura emprendedora, xa que, segundo apuntou, a constitución de novas empresas permite crear riqueza, novos postos de traballo e a diversificación da estrutura económica de Santiago.

O relatorio inaugural impartiuno Jorge Barros, Subdirector Xeral de Apoio á Contratación e a Emprendedores. A continuación o responsable da División Particulares de Caixa Galicia e Javier de la Ossa Falero, da Corporación La Caixa, explicaron as ferramentas de financiamento privado coas que contan os emprendedores.

Despois comezaron a desenvolverse os catro Paneis de Experiencias programados. No primeiro, dedicado ao sector servizos, participaron as empresas Saúde e Beleza, Xestionarte e Roadmap. No segundo, sobre o sector comercial, están presentes Biotica da Sorela, Helionova Tecnopipe e Media Lúa. Ao número tres, dedicado ás empresas de base tecnolóxica, asisten Artefacto, Mestrelab Research e Signo. No cuarto están presentes dúas empresarias: Mercedes Morigosa e Rosario Collazo. Pola tarde estaban previstos tres obradoiros para o emprendemento, unha novidade respecto ano ano pasado. Os temas a tratar son: Sucesión xeracional, A posta en marcha dunha franquicia e Buscar e solicitar axudas públicas. A conferencia de clausura "Galicia, cultura empresarial. A empresa necesaria", será impartida polo Presidente do Grupo de Empresas Araguaney, Ghaleb Jaber Ibrahim.

Compartir: