CAMIÑO DE SANTIAGO

Os mozos europeos apostan polo valor do Camiño como rede de cooperación e diálogo cultural

23/10/2007 A praza do Obradoiro acolleu a xornada institucional coa que se conmemoraron os vinte anos da declaración do Camiño de Santiago como primeiro Itinerario Cultural Europeo. Foi o marco onde se presentou a nova Declaración dos Itinerarios Culturais Europeos, na que os mozos europeos reiteran "a importancia de continuar o desenvolvemento dos Camiños de Santiago no conxunto dos territorios europeos, creando unha rede de cooperación coa participación de todas as autoridades involucradas".

Os actos comezaron coa inauguración oficial da exposición Europa é o Camiño, tamén na praza do Obradoiro, dedicada aos Itinerarios Culturais Europeos e ao Camiño de Santiago. Despois chegaron as intervencións institucionais, a primeira das cales correspondeu ao alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, quen se referiu ao Camiño como "espazo para o entendemento entre as culturas, unha oportunidade para acercar mundos distantes a través do acto máis primitivo do home: camiñar".

"Se Compostela é hoxe unha cidade ecléctica e culturalmente diversa, é precisamente porque foi capaz de absorber as diferentes influenzas que chegaron polos camiños e de transformar esa multiculturalidade en riqueza, en patrimonio e identidade propia", apuntou, para recalcar que "somos unha cidade global e única a un mesmo tempo, unha meta para millóns de persoas, chegadas por camiños entrelazados ao longo da historia".

Finalmente, o alcalde aludiu á cidade como "síntese admirable dun alento universal, que provén dos camiños da peregrinación máis transcendental de Europa, onde se forxou a conciencia europea, e que permaneceu aberta ao mundo, máis alá dos lindes trazados polas conxunturas políticas de cada momento".

Pola súa parte, a responsable de Itinerarios Culturais do Consello de Europa, Françoise Tondre, referiuse ao Camiño como símbolo "das aspiracións comúns alén dos intereses nacionais". Aludiu en especial ao papel dos mozos neste e nos demais itinerarios europeos, convertidos en exemplos do que representa fomentar "o respecto, a tolerancia, a liberdade e a solidariedade".

Animou aos máis novos a facer comprender mellor estes itinerarios "sen esquecer o diálogo cos outros". Neste sentido, mencionou un dos obxectivos marcados polo Consello de Europa, como é o "diálogo entre relixións" e o seu papel na eliminación da violencia. Tondre pechou a súa intervención recordando todas estas "dimensións inmateriais que unen pasado e presente" e a importancia do "dinamismo da sociedade civil" dos 38 países implicados na vitalidade dos itinerarios culturais.

Motor de intercambio cultural
Outro dos intervintes, o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, que se referiu ao Camiño como a "máis poderosa plataforma de presentación que ten Galicia e a súa cultura no mundo". Na súa opinión, este itinerario inspirou e segue inspirando a idea dunha Europa de pobos e culturas diversas e é unha "expresión histórica a favor da pluralidade e do libre intercambio cultural entre as nacións europeas".

Quintana apuntou que "o Camiño é a plataforma máis poderosa para proxectar a nosa identidade como pobo e unha formidable corrente de intercambio para dar a coñecer toda a nosa potencia cultural e creativa". "É un fascinante reclamo que nos dá a oportunidade de facer de Galicia un dos principais destinos culturais de Europa e é tamén unha das mellores cartas de presentación de Europa como proxecto cultural plural".

Finalmente, aludiu ao papel que Galicia debería ocupar en Europa, segundo Castelao, quen expresara o seu desexo de que Galicia fose "a avanzada de Europa no mar inmenso da liberdade".

Os mesmos valores de multiculturalidade foron recordados polo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, recordando que "os centos de miles de persoas que enchen cada ano a ruta de peregrinación a Compostela son a mellor proba de que o Camiño de Santiago é un auténtico patrimonio mundial".

Valorou o traballo da rede de asociacións e entidades promotoras do Camiño para facer do Camiño "unha proposta paneuropea de tolerancia, comunicación e diálogo intercultural". Neste sentido, apuntou, "o Camiño simboliza a concordia entre homes e mulleres de moi distintas nacións e procedencias". "É un factor constitutivo dunha primeira protoidentidade europea", engadiu.

Despois de referirse a Compostela como "centro de cultura e lugar de encontro, de diálogo e de hospitalidade", e tamén como "cidade tolerante e universal, Pérez Touriño pechou a súa intervención recordando unhas verbas de Rosalía de Castro "toda a terra é dos homes".

Lectura enriquecida de Europa
Despois procedeuse á lectura, por varios mozos europeos da nova Declaración dos Itinerarios Culturais Europeos e do Camiño de Santiago por mozos e mozas de Europa e nenos e nenas de Compostela. Esta Declaración, elaborada en setembro polo Instituto Europeo de Itinerarios Culturais, é unha actualización da presentada en Compostela o 23 de outubro de 1987 dedicada ao Camiño de Santiago.

A Declaración incide, ademais de na demanda dunha rede de cooperación, na necesidade de asegurar a "complementariedade e a sinerxía entre todos os itinerarios de peregrinación recoñecidos polo Consello de Europa". Ademais, reclama especial atención ao "respecto e a valorización da diversidade cultural, do diálogo intercultural e do diálogo interrelixioso".

"O percorrido e o descubrimento dos itinerarios culturais –di a declaración- permitirán, e moi especialmente ás novas xeracións, unha lectura de Europa enriquecida pola súa diversidade cultural e constituirán ademais unha garantía de futuro para unha construción europea democrática que debe fundamentarse máis que nunca na cultura, no coñecemento da historia, da memoria e do patrimonio común aos europeos".

20 anos dun feito transcendental
Cúmprense vinte anos dun feito transcendental para o Camiño de Santiago: a súa declaración en 1987, polo Consello de Europa, como o primeiro Itinerario Cultural Europeo. A intención de conceder esta distinción á Ruta Xacobea está na orixe de todos os itinerarios europeos recoñecidos nos anos seguintes.

A Declaración supuxo a confirmación a nivel oficial da Ruta xacobea como o gran Itinerario Cultural Europeo e europeísta de referencia. En 2007 tamén se cumpren vintecinco anos da entrega da Bandeira de Europa á cidade de Santiago de Compostela polo seu protagonismo continental como meta xacobea.

Tras diversos trámites, xestións e traballos científicos –elabórase daquela o popular mapa das rutas xacobeas en Europa-, o 23 de outubro dese ano, na Praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela, o Consello de Europa proclamaba de forma oficial ao Camiño como o primeiro Itinerario Cultural Europeo. Unha placa de granito, colocada no centro desta praza, recorda este histórico momento.

O Consello de Europa destacou, con tal motivo, que a Ruta Xacobea é un dos grandes espazos da memoria colectiva continental e propoñía "a súa revitalización como base e exemplo para accións futuras, en atención ao seu carácter altamente simbólico no proceso de construción europea". Na Declaración tamén se fai un chamamento ás institucións e aos cidadáns para que impulsen medidas de identificación, sinalización, restauración, dinamización cultural e intercambio en relación con esta ruta e anima sobre todo á xente nova a coñecela.

Máis actos
Os actos conmemorativos continuarán ata o venres 26 de outubro. Este mesmo martes 22 estaba previsto, ás 21:00 horas, no Auditorio de Galicia, o Concerto dos Itinerarios Culturais Europeos, a cargo da Real Filharmonía de Galicia.

Xa o mércores 24 de outubro celebrarase no mesmo emprazamento o Día dos Itinerarios Culturais Europeos, cun programa denominado Diálogos no Camiño de Santiago. Os Itinerarios Culturais Europeos 20 anos despois, no que participarán representantes de Itinerarios Culturais Europeos. Ese mesmo día, ás 20:30, na Capela do Pazo de San Lourenzo, nova actuación musical.

Para o venres 26 de outubro queda o Día da Mocidade e os Itinerarios Culturais Europeos. O Camiño de Santiago. Pola mañá haberá unha recepción á xuventude no Obradoiro, complementada con diversas actividades. Logo pola tarde, no hotel Aragüaney, celebrarase o encontro A interculturalidade, o novo itinerario cultural europeo da mocidade.

Documentos relacionados



Compartir: