TURISMO

"Cousas de Kulechov", de Susana Rey, faise co premio ao mellor filme galego en Curtocircuíto

20/10/2007 O Festival Internacional de Curtametraxes Curtocircuíto pechouse cunha gala na que se entregaron os premios desta cuarta edición. O filme Cousas de Kulechov, de Susana Rey, fíxose co premio á mellor curta galega.

Nunha entretida gala conducida pola compañía Chévere e á que asistiu, entre outros, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, foron pasando polo escenario os distintos premiados. Unha delas foi Susana Rey, coa súa curta Cousas de Kulechov, que se levou os 1.500 euros do galardón. O filme é unha metáfora sobra a guerra na que os escuadróns son bateas e os soldados mariscadores.

O palmarés do Festival completouse co premio á mellor videocreación para The tale of how, de Blackheart Gang (África do Sur); á mellor micromovie para Mestizaje, de Álvaro C. Rodríguez (Chile); á mellor animación para Leviathan, de Simon Bogojevic-Narath (Croacia); á mellor ficción para We will win, de Mahmoud Hojeij (Líbano); e ao mellor documental para Les intestines de la terre, de Olivier Barbier (Francia).

O público tamén elixiu o seu filme favorito e este resultou ser o italiano Il supplente, de Andrea Jublin. A curta narra a historia dun home que chega como profesor suplente a un colexio, aínda que logo se sabe que é un avogado que volveu por nostalxia.

A Radio Televisión Portuguesa (RTP) tamén entregou os seus galardóns a sete cintas, agraciadas co Premio Onda Curta. Ademais, na gala estreouse a curtametraxe Historia da arte, gañadora do premio Compostela Plató, que permitiu a súa rodaxe na cidade.

Compartir: