FESTAS

A proxección dunha comedia de Chaplin abre o programa das Festas do Barrio de San Pedro

27/06/2005 O ciclo ‘Noite de curtas’ inclúe unha colección de montaxes que se van pasar no Campo da Angustia a partir do martes 28 de xuño.

O barrio histórico que recibe cos brazos abertos aos peregrinos que aterran en Compostela a través do Camiño Francés, un deses recunchos de Santiago con identidade propia no que nacen inquedanzas da xente nova e sempre perdura o saber popular, presenta un ano máis o seu programa des festas. Desde cine na rúa e clown ata foliada, verbena ou unha romaría popular que poñerá o broche de ouro á cita deste ano.

A Noite de curtas, o martes 28 de xuño, ás 22.30 horas no Campo da Angustia, dará o pistoletazo de saída das Festas do Barrio de San Pedro 2005. Na sesión proxectarase unha colección de curtametraxes elexidas para a ocasión. A séptima arte continuará sendo a protagonista do aperitivo festivo e incluso haberá un oco para o cinema clásico. O mércores 29 pasarase, na pista de baloncesto do Home Santo ás 22.30 horas, "Tempos modernos" (1935), de Charles Chaplin. O filme retrata a biografía dun obreiro da industria do aceiro que acaba perdendo a razón, extenuado polo frenético ritmo da cadea de montaxe do seu traballo. O programa previo das Festas do Barrio de San Pedro 2005 pechará o telón cun documental sobre a xira do grupo "Habana Abierta", producido e dirixido por Jorge Perugorría e Arturo Soto. A cita será o xoves 30, ás 22.30 horas, no praciña de San Pedro. Despois da proxección, Vanito, pertencente á banda Habana Abierta, ofrecerá un concerto.

Paula Carballeira será a pregoeira
Do venres 1 ó 3 de xullo darase paso ó auténtico prato forte das Festas do Barrio de San Pedro 2005. Os gaiteiros de Brincadeira, acompañados por unha comitiva de cabezudos, protagonizarán o primeiro pasarrúas polo barrio a partir das 20 horas do venres. Unha hora despois, na praza do Cruceiro de San Pedro, a contista Paula Carballeira lerá o pregón que dará paso á actuación do grupo de baile Brincadeira. Ás 21.30 horas celebrarase unha foliada na Porta do Camiño, presentada por Pepa Yánez, que contará coas actuacións dos grupos Brincadeira, Fiandola e Sérra-Lhe Aí. E para poñerlle aínda un pouco máis de ritmo á noite Lamatumbá e Non Residentz subiránse ó escenario da Porta do Camiño, a partir da medianoite, para animar a todo o mundo a seguir a festa.

Os nenos serán os grandes protagonistas
O sábado 2 de xullo, se aínda quedan forzas, os máis madrugadores do barrio de San Pedro poderán desfrutar do pasarrúas de Xilbarbeira e os cabezudos, que comezará ás 11 horas. Pero os auténticos protagonista desta xornada serán os nenos. O Centro Xuvenil Don Bosco encargarase de organizar actividades na rúa para os pequenos a partir das 11.30 horas. E media hora despois representarase unha función de teatro infantil no parque da Trisca, Recuento cuentos, de Cuba. Ao mediodía, ás 13.30 horas, celebrarase a sesión vermú no Cruceiro de San Pedro coa orquesta Costa Dourada e ata a tardiña, para repoñer folgos, non se reanudarán as actividades.

A compañía de Teatro-Clown poñeralle un pouco máis de humor ó día cunha das súas sesións cómicas habituais. Será ás 18.30 horas na praciña de San Pedro. Ás 20 horas comezará o tradicional encontro de corais, que este ano chega á súa segunda edición, na igrexa de Bonaval. Participarán A Xuntanza, Virxe de Guadalupe e Coto da Nai. Como non podía ser menos a segunda xornada festiva pecharase cunha verbena, ás 22.30 na Porta do Camiño, a cargo da gran orquesta Costa Dourada.

Romaría popular de despedida
As Festas do Barrio de San Pedro 2005 chegarán o domingo 3 de xullo ao seu punto álxido coa celebración dunha romaría popular no parque de Belvís. Os tradicionais pasarrúas, neste caso a cargo do Quarteto da Gentalha e cabezudos, espertarán aos máis rezagados a partir das 11 horas. O desfile atravesará a feira de artesanía que durante toda a mañá vai transformar a rúa de San Pedro.

Ás 12 horas, no parque da Trisca, a Banda Municipal de Música de Santiago e o grupo de baile A Xuntanza comezarán a caldea-lo ambiente da romaría popular que poñerá o broche de ouro a esta edición. Polbeira e churrascada ao aire libre amenizarán a festa ata ben entrada a tarde coa compaña de Os Estalotes, Xilbarbeira, Gentalhta e os regueifeiros Luis Caruncho e Pinto de Herbón.

A Comisión estrea web
A Comisión de Festas do Barrio de San Pedro 2005 estrea este ano unha web unha web na que tódolos interesados poderán ampliar a información que precisen. Ademais do programa completo de actividades, a comisión acaba de abrir un foro ó que se poden enviar tódalas iniciativas e suxerencias que poidan contribuir a mellora-lo seu labor. Así mesmo, na web tamén se poden visualizar as imaxes correspondentes á edición de 2004 e paulatimanete iranse colgando as fotos dos mellores momentos deste ano.

A comisión tamén quere lembrar que as camisetas deseñadas ex profeso para esta celebración continúan á venda a un prezo de dez euros.

Compartir: