ALCALDÍA

O alcalde avalía a Cidade da Cultura de Asturias como referente creativo

18/10/2007 O rexedor compostelán percorreu os diferentes espazos comprendidos dentro da LABoral Centro de Arte e Creación Industrial de Gijón e tamén tivo a oportunidade de ver o resultado das obras do teatro que se inaugura o venres 19.

Sánchez Bugallo estivo acompañado pola directora do Centro de Arte, Rosina Gómez-Baeza e polo director da Axencia para o Desenvolvemento de Proxectos Culturais do Principado, Jorge Fernández León. Durante a visita, o alcalde puido coñecer de cerca os detalles do proxecto que transformou o edificio da antiga Universidade Laboral de Gijón, na actual Laboral Ciudad de la Cultura, unha comunidade creativa na que máis de 4.000 persoas estudan, investigan, crean e se comunican.

Este gran contedor cultural é o resultado dun proxecto de transformación que o Goberno do Principado de Asturias acometeu en 2001 co fin de dar nova vida ao edificio da antiga Universidade Laboral de Gijón. A tarefa de recuperación do monumental edificio con novos usos relacionados coa cultura, a formación e a creación, aínda está en marcha, nun apaixonante proceso que non cesa e no que novos espazos se irán sumando de forma paulatina hasta completar unha cidade singular.

Aínda que o proxecto asturiano non garda ningún tipo de similitude coa cidade do Gaiás, o contido cultural dos espazos de Gijón pode resultar de interese para o complexo de Santiago. Este era o obxectivo da visita de Sánchez Bugallo, quen chegou á LABoral so un día antes da inauguración dun novo espazo.

Desde marzo de 2007 está aberto ao público LABoral Centro de Arte e Creación Industrial e o venres 19 comezará oficialmente a programación do Teatro Laboral Escena, que arrancará cun espectáculo musical dirixido polo compositor valenciano Llorenç Barber no que van participar máis de 300 músicos, a maioría pertencentes a bandas asturianas. A sala principal do Teatro ten 1.426 localidades, e a caixa escénica, conta cunha grada para unhas 200 persoas. Neste teatro terán cabida espectáculos de todo tipo, desde os máis arriscados e vangardistas aos máis populares. O Teatro da Laboral tamén estará a disposición dos grupos de teatro asturianos para que podan contar con novos espazos para desenvolver o seu traballo.

Renovación e novos usos
Cando no ano 2001 o Goberno do Principado de Asturias se fixo cargo do edificio da Universidade Laboral de Gijón, decidiu renovar un espazo de gran complexidade consolidando as súas funcións formativas e creando novos usos complementarios. Concibiuse entón sobrepoñer á cidade ideal de Moya unha idea de cidade nova, un centro de produción cultural e creativa do século XXI, con espazos para aprender e ensinar; para ver, oír e consumir produtos culturais; para compartir redes, intercambiar coñecemento e comunicar ideas.

A remodelación iniciouse en 2005, e tras dous anos de obras que non interferiron na vida diaria do edifico, en marzo de 2007 Laboral Ciudad de la Cultura abriu as súas portas coa inauguración do LABoral Centro de Arte y Creación Industrial. Coa Cidade da Cultura aberta e activa, a transformación segue, con máis obras e proxectos en marcha. O venres 19 inaugúrase o Teatro Laboral Escena e en vindeiros meses sumaranse os recuperados xardíns históricos, o Conservatorio de Música de Gijón, minipisos para estudantes e artistas, e un hotel de cinco estrelas.

Compartir: