TURISMO

O II Mercado Internacional de Curtametraxes exhibirá un catálogo de 2.883 curtas ante profesionais de todo o mundo

18/10/2007 O II Mercado Internacional de Curtametraxes foi inaugurado polo concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, acompañado polo director do Festival, Tim Redford, e pola subdirectora xeral de Promoción Industrial e Comercio Exterior, Manuela Fraguelas, na Fundación Torrente Ballester.

Esta actividade está incluída no marco do IV Festival Internacional Curtocircuito, para optimizar así a oportunidade que representa o fluxo de profesionais do sector audiovisual procedentes de todo o mundo que se dá cita estes días en Santiago. Nel participará unha ampla representación de profesionais das máis importantes distribuidoras cinematográficas internacionais, programadores de canles de Tv e directivos de prestixiosos festivais internacionais de curtametraxes. Polo momento hai 115 acreditados, aínda que o prazo de inscrición continuará aberto durante todo o mercado.

O Mercado está concibido como unha plataforma empresarial para darlle un importante pulo á comercialización das curtametraxes. Tamén será punto de partida para establecer contactos bilaterais de negocios entre os distintos profesionais implicados na creación e produción de curtas, como son os guionistas, produtores, programadores e compradores internacionais. Nesta edición, as curtas inscritas neste gran escaparate comercial serán 2.883, das cales máis de medio cento son de factura galega. Por este mesmo motivo, o II Mercado Internacional Internacional de Curtametraxes é unha plataforma promocional moi valiosa para as producións galegas, que terán ocasión de ser visionadas por potenciais compradores e distribuidores de todo o mundo.

Distribuidoras e festivais
Algúns dos asistentes son algunhas das distribuidoras cinematográficas máis activas, como a compañía británica Dazzle Films, a italiana Vitagraph ou a xaponesa Open Art; programadores de curtametraxes de canles de televisión, como Canal + España, Canal + Francia, TVE ou a Radio Televisión de Portugal; e directivos dalgúns dos máis prestixiosos festivais internacionais de curtametraxes, como o Mecal de Barcelona, o de Clermont Ferrand e o Festival du Film Court de Lille, ambos en Francia. Asemade, tamén algunhas das máis importantes distribuidoras españolas, como Kimuak, Lolita Peliculitas ou Freak presentarán en Santiago de Compostela os seus catálogos de curtametraxes.

As actividades do II Mercado Internacional de Curtas complétanse con dúas mesas redondas, tamén na Fundación Torrente Ballester. A primeira será o día 18, titulada "Da curta á longa", na que intervirán Rebeca Mark-Lawson, Alfonso Zarauza, Daniel Mulloy e Mario Iglesias. A do día 19 abordará o talento creativo en "América Latina", moderada por Enrique Nicanor- produtor, director e guionista de cine e TV-, coa participación de Eduardo Cerveira -do Femina Short Film Festival-, Eva Morsch Kihn –do Rencontres Cinemas d’Amérique Latine, de Toulouse- e Fernanda del Nido –de Tic Tac Producciones-.

Compartir: